A IV Festa Amergin celebra a poesía atlántica

A Coruña acolle este encontro entre os días 26 e o 28 de xuño

Entre o 26 e o 28 de xuño, a Coruña acolle a IV edición da Festa Amergin da Poesía Atlántica. A cita, que pretende conectar as tradicións literarias galega e irlandesa. Un concerto do grupo de folk-rock 3A no pub Delirium abre o programa desta iniciataiva que organiza a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, In Nave Civitas e Xuntas polas Artes, coa colaboración do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da Universidade da Coruña e da Torre de Hércules.

O día 27 o local da AC Alexandre Bóveda continúa as actividades cunha conversa entre o naturalista Antonio Sandoval e o escritor Manuel Rivas, arredor da última novela deste último e mais da inspiración poética da Canción de Amergin. A seguir Ciarán Dawson, profesor de lingua irlandesa na Universidade de Cork, "compartirá a súa experiencia vital e reflexionará sobre a lingua como ferramenta de resistencia e dignidade colectiva", segundo sinala a organización.

O encontro finaliza cunha festa na praia da Areal o día 28. Presentada por Xurxo Souto, esta celebración contará cunha representación da compañía teatral Noite Bohemia, música a cargo de Maghua, o Grupo de Cantos de Taberna da AC Alexandre Bóveda e a zanfona de Erea Estévez Campos, e mais lecturas poéticas a cargo de Manuel Rivas e Ciarán Dawson.

A Festa Amergin, que toma o seu nome do poema fundacional da literatura irlandesa, "nace co desexo de fortalecer os lazos culturais e simbólicos entre Galiza e Irlanda". Todas as actividades son de acceso libre.