Curtocircuíto premia á cineasta francesa Lucile Hadzihalilovic

A realizadora recibirá o Premio Especial Curtocircuíto Atlas

Lucile_Hadzihalilovic gañadora do Ouso de prata na Belinale 2025  Foto: Elena Ternovaja  / Wikipedia CC BY-SA 3.0
Lucile_Hadzihalilovic gañadora do Ouso de prata na Belinale 2025 Foto: Elena Ternovaja / Wikipedia CC BY-SA 3.0
O Festival Curtocircuíto, que celebra a súa 22ª edición o vindeiro 1 de xullo, dará este ano un premio especial honorífico de recoñecemento á traxectoria. O Premio Especial Curtocircuíto Atlas, que inclúe unha dotación de 3.000 euros, será este ano para a realizadora francesa Lucile Hadzihalilovic (Lyon, 1961). O festival recoñece deste xeito a súa traxectoria e proxectará parte da súa obra ademais de levar a cabo un encontro entre a cineasta e o público que estará conducido pola xornalista cultural Elsa Fernández-Santos.

Nada en Francia e criada en Marrocos, Hadžihalilović iniciou a súa carreira nos anos 90 fundando a produtora Les Cinémas de la Zone xunto a Gaspar Noé, con quen colaborou en títulos como Carne, Seul contre tous e Enter the Void. En 1996 debutou como directora con La bouche de Jean-Pierre, seleccionada en Un Certain Regard (Cannes). A súa primeira longametraxe, Inocencia (2004), valeulle o Premio á Mellor Dirección Novel en San Sebastián, festival no que foron tamén premiados os seus seguintes traballos, Evolution (2015) e Earwig (2022). O seu cuarto filme, The ice tower, protagonizado por Marion Cotillard, estreouse no pasado Festival de Berlín. A retrospectiva en Santiago incluirá as súas obras La bouche de Jean-Pierre (1996), unha dura e delicada visión da infancia marcada pola violencia; Nectar (2014), unha peza sen diálogos que explora o feminino e os rituais corporais desde unha estética sensorial; e De Natura (2021), unha obra abstracta e hipnótica que afonda na relación entre natureza, corpo e percepción.