Crean o Premio Castelao de Textos Teatrais

A deputación de Pontevedra dota con 12.000 euros este novo galardón en honra a Castelao

A Deputación de Provincial de Pontevedra ven de crear e convocar a primeira edición do Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación, unha iniciativa que suma unha nova acción á conmemoración do 75 aniversario do falecemento do intelectual, político e artista do que o Museo de Pontevedra garda un significativo conxunto de materiais. Cunha dotación de 12.000 euros, a este novo galardón poden presentarse aquelas persoas maiores de idade que presenten obras de teatro escritas en lingua galega de acordo coa normativa da Real Academia Galega, cunha extensión máxima de 200.000 caracteres con espazos incluídos. As obras deben ser inéditas, total ou parcialmente, non poden ter recibido ningún premio en outros certames, nin ser levadas a escena. O prazo de presentación dos traballos pecharase o 31 de outubro de 2025. A obra gañadora será tamén publicada e será seleccionada por un xurado integrado polo presidente da Deputación, o secretario da Deputación e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e literario galego.