Chega aos cines 'Antes de nós'

O filme sobre Castelao tivo onte a súa preestrea na Coruña e esta semana estará en once localidades galegas

O filme sobre Castelao tivo onte a súa preestrea na Coruña e esta semana estará en once localidades galegas
Fotograma de 'Antes de nós'
Despois de ter a súa preestrea onte na Coruña, 'Antes de nós', o filme sobre Castelao con guión de Pepe Coira, produción de Zaza Ceballos e dirixido pola cineasta Ángeles Huerta (Gijón, 1974) chegará este venres 23 ás salas de cine. Nesta primeira semana estará dispoñible en localidades e cidades como A Estrada, A Coruña, Barcelona, Cee, Ferrol, Lleida, Lugo, Madrid, Narón, Ourense, Oviedo, Pamplona, Pontevedra, Sant Feliu de Llobregat, Santiago de Compostela, Valladolid, Vigo ou Viveiro.

Xoán Fórneas dá vida a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das figuras máis importantes da cultura galega, mentres que Cris Iglesias asume a interpretación da súa dona Virxinia Pereira nesta historia que nos deixa ver varios momentos de crecemento de Castelao, como artista mais tamén como persoa: coa súa dor, amor, esperanzas e contradicións. Un afastamento do mito para explorar a súa verdadeira esencia. O descubrimento do Castelao máis íntimo. O filme céntrase en dúas etapas distintas da súa vida. A primeira, a da gripe de 1918 que o obrigou a volver exercer como médico e o colocou en primeira liña de defensa do vulnerable, mais tamén na vangarda da oposición ao poder caciquil. E a segunda, xa no ano 29, na súa viaxe a Bretaña.


A película tivo a súa preestrea oficial este xoves na Coruña, nos Cines os Cantones, onde o evento reuniu a figuras da cultura e autoridades. Pola alfombra vermella pasaron desde influencers a artistas como Tanxugueiras, Mercedes Peón, De Ninghures, Margarita Ledo ata representates das institucións como o Conselleiro de Cultura, da Deputación da Coruña, a Deputación de Pontevedra, Alcaldía do Concello de Santiago, Concello da Coruña, distintas portavocías do Parlamento de Galicia, etc. Producida por Retrincos A.I.E. e distribuída por Atalante, 'Antes de nós' conta coa participación da Televisión de Galicia, a subvención da Xunta de Galicia e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e a colaboración da Deputación de Pontevedra, a Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e o Concello de Pontevedra.