O Consello da Cultura achega a música tradicional ás aulas cunha guía

Edicións Embora e Gadis presentan cadansúa publicación polo Día das Letras

Edicións Embora e Gadis presentan cadansúa publicación polo Día das Letras
Co título Axudádeme a cantar, o Consello da Cultura Galega presentaba este 12 de maio unha guía docente que quere axudar a introducir a música de tradición oral nas aulas. O proxecto, que ensina como organizar unha foliada na escola en sete pasos, está orientado ao terceiro ciclo de educación primaria, con posibilidade de se estender a outros niveis, e pódese descargar de balde desde o web da institución.

Renée de Palma coordinou este proxecto no que participaron Beatriz Busto, Carme Campo, María Jesús Caramés, Xaime Estévez, Cristina López Villar, Marta Otero, Santiago Quiroga e Carolina Vázquez Castro. O texto fai un percorrido polos diferentes nomes que reciben as foliadas e realiza unha introdución nas formas do baile e da música tradicional. Ademais de tratar os instrumentos e a propia celebración da foliada, o volume recolle como anexos as partituras da Xota de Liñares (Avión, Ourense) e a Xota máis o Agarrado de Teaio (ambas as dúas de Dodro, A Coruña).

Pola súa banda, a empresa de supermercados Gadis presentaba este 9 de maio Foliada!, publicación de homenaxe polo Día das Letras. A obra combina reinterpretacións de cantigas tradicionais mediante os traballos das ilustradoras Xoana Almar, Iria Fafián, Laura Mahía, María Montes e Laura Tova con textos das escritoras Yolanda Castaño, Esther F. Carrodeguas, Ledicia Costas, María Lado e María Solar. Ademais, o web da iniciativa permite ouvir as cantigas recollidas nas voces das homenaxeadas no Día das Letras. O supermercados da cadea distribuirán 30.000 exemplares da publicación ao longo do vindeiro 16 de maio.

Tamén Edicións Embora se suma á celebración con lanzamento de Pandeireteiras. A obra propón un percorrido biográfico e artístico polas mulleres que protagonizan o Día das Letras de 2025. "Mulleres que nos albores do último cuarto do século XX marcaron novos camiños para a música popular galega. Voces cuxo legado está moi vivo aínda nos espectáculos de artistas e agrupacións do século XXI". Xosé Manuel e Icía Varela, con ilustracións de Nerea Gómez, asinan esta obra divulgativa.