Branca Trigo gaña o 28º certame poético de Carral

O xurado escolle a súa obra 'Especies invasoras' entre o cento de textos presentados

Blanca Trigo
Blanca Trigo
A escritora Branca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) resultou a gañadora da 28ª edición do concurso poético Concello de Carral grazas á súa obra 'Especies invasoras'. O xurado escolleu este texto de entre o cento de traballos presentados nesta edición, que ten un premio de 3.500 euros para a obra gañadora. Segundo a acta 'Especies invasoras' é "unha obra arriscada e contundente, que anova a linguaxe poética galega e ofrece unha experiencia de lectura visceral, incómoda e profundamente transgresora". Branca Trigo Cabaleiro codirixe Edicións Malafera, onde publicou os libros Coñecemento do Medo (2021) e trans0 (2024), así como varios fanzines. O seu poemario Condolore (2022) viu a luz coa editora Urutau.

O xurado, presidido polo alcalde Javier Gestal, estivo formado por Silvia Penas, Antía Marante e Armando Requeixo, tendo a función de secretario o técnico de Cultura Carlos Lorenzo. O xurado destaca de 'Especies invasoras' que é un libro de poemas que "explora de xeito radical a identidade, o desarraigo e a violencia estrutural, empregando a metáfora da invasión biolóxica para falar do corpo, da casa e da memoria. Inzada de imaxes poderosas e fragmentadas, onde a casa e o corpo se mesturan nun territorio en constante ruptura, o poemario comparece habitado por animais feridas e restos do vivido. A voz poética móvese entre a crueza e a tenrura creando un espazo onde a violencia familiar, social, histórica- se converte en materia poética. A estrutura fractal e a acumulación de imaxes xeran unha atmosfera de estrañamento na que a fronteira entre o íntimo e o colectivo se dilúe".