As xanelas galegas ao ceo

Unha colección de pequenos observatorios astronómicos acollen actividades divulgativas e científicas por todo o país

Unha colección de pequenos observatorios astronómicos acollen actividades divulgativas e científicas por todo o país<br />
Observatorio astronómico de Cerdedo-Cotobade. Fonte: Asociación Astronómica Sirio
Son pequenas instalacións, situadas na maior parte dos casos en montes afastados de zonas urbanas. Nelas, afeccionados e científicos achéganse ao caer, desde o noso país, aos misterios celestes. De titularidade municipal, universitaria ou mesmo privada, nove observatorios astronómicos espallados pola nosa xeografía permiten coñecer o mundo das estrelas a aproveitar uns ceos que, en moitas zonas, aínda gañan a loita contra a contaminación lumínica.

Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Lalín e Vila de Cruces, en Pontevedra. Santiago, na Coruña. Taboadela e A Veiga (con dous) en Ourense, e Ribadeo en Lugo. A listaxe de observatorios astronómicos que existen no noso país é un percorrido, na súa maior parte, por zonas do rural interior. Desde que Ramón María Aller puxese en marcha en 1924 a primeira instalación deste tipo, os espazos para ollar os astros multiplicáronse en Galicia.

O pioneiro en Lalín
"O máis antigo é o de Lalín. O padre Aller founo construíndo aos poucos" logo de empregar a galería da casa familiar e dous alboios como primeiros espazos de observación, explica José Ángel Docobo, director do Observatorio que leva o nome deste pioneiro en Santiago de Compostela. "Mellorouno ata a versión de 1924, cando tiña un departamento cun teodolito e unha cúpula para acubillar o refractor que chegou un ano despois". Esas instalacións marcaron o comezo da astronomía moderna en Galicia. "O traballo que realizou alí Don Ramón foi exemplar. A nivel de observacións iniciou a investigación sobre estrelas dobres en España. Ademais, escribiu libros emblemáticos, deseñou instrumentación e desenvolveu moitas outras actividades", lembra Docobo.

O herdeiro compostelán
O centro que agora leva o seu nome en Santiago de Compostela foi o herdeiro daquela primeira instalación da Capital do Deza. "Os instrumentos de Lalín e a meirande parte dos libros foron trasladados e Santiago entre 1943 e 1944 para que o observatorio tivese carácter universitario", sinala o director do centro. Na actualidade o observatorio é unha referencia a nivel científico no país. Malia a estar situado nunha cidade, coa contaminación lumínica que isto implica e que pode limitar as posibilidades de observación, o espazo desenvolve unha intensa actividade. Canda ao telescopio orixinal de Ramón María Aller, conta cunha cámara de interferometría, un fotómetro de ocultacións, un telescopio de 62 cm de apertura instalado en 2003 e outro cun reflector de 40 cm. Na actualidade, o edificio está en proceso de rehabilitación pero continúa a desenvolver as súas funcións de "investigación, docencia, divulgación e mais o funcionamento da súa sección metereolóxica", lista Docobo.

Observacións internacionais
A nivel científico, o Ramón María Aller "dispón de instrumental e detectores para facer observacións de carácter científico, pero ademais, mediante convenios estratéxicos, temos a capacidade de realizar observacións de interferometría speckle en grandes telescopios dos dous hemisferios", lembra Docobo. "A nosa cámara EMCCD para observación de binarias fechadas está actualmente no observatorio de Byurakan, en Armenia, onde realizamos campañas periódicas de observación acoplándoa ao seu telescopio, de 2,6 metros de apertura". Alén deste centro "temos tempo de observación compartido con colegas chilenos no telescopio SOAR de 4,2m de apertura. Antes da guerra de Ucraína, temos feito moitas campañas cun telescopio ruso de 6 metros e tamén con outros instrumentos instalados en España, Francia, Venezuela, e Estados Unidos". Isto combínase coa organización de diferentes congresos internacionais sobre astronomía e múltiples publicacións. Proba do impacto internacional do espazo está o feito de que o propio Docobo foi escolleito presidente da Comisión de Estrelas Dobres e Múltiples da Unión Astronómica Internacional entre 2009 e 2012.

Divulgación científica
Canda a este labor, "nas últimas décadas, a dirección do observatorio prestou especial atención as actividades de divulgación non só na súa sede senón en multitude de lugares de Galicia e incluso fóra dela". Mediante programas como Astronomía Itinerante, Todocosmos, O Camiño das estrelas-As estrelas do Camiño ou Noites Astronómicas "estamos levando a Astronomía a centos de parroquias e vilas, así coma a centros de rehabilitación e penitenciarios", apunta o director. "Ao longo do ano pasan polo observatorio centos de persoas en visitas didácticas que observan distintos astros a través dos seus telescopios", explica Docobo. Dentro da propia comunidade universitaria o Programa de Extensión Cultural de Astronomía (P.E.C.AS) dá a coñecer esta ciencia desde 1997 con propostas que se abren cidadanía en xeral. Por se fose pouco, alumnado de diferentes facultades empregan as instalacións nas súas clases, ao igual que as persoas participantes no Cuarto Ciclo.

Un observatorio privado
Do mesmo xeito que no caso de Aller, unha iniciativa individual, 50 anos despois, deu na creación doutro singular observatorio no noso país. José María López Pérez, nado en 1916 e afeccionado á Astronomía desde a infancia, abría en 1993, logo de se xubilar, o observatorio do Coto de Zarragrande en Vila de Cruces, o seu concello natal. As instalacións, que contaban con dúas estancias e unha cúpula de observación, estaban equipadas no seu momento con prismáticos astronómicos e un telescopio de 25 centímetros de diámetro que pouco despois sería substituído por outro de 40,6. O centro albergou diferentes actividades divulgativas e cursos con colaboración da Universidade de Vigo, e mesmo chegou a contar coa Fundación Astronómica de Vila de Cruces, participada polo concello, para a súa xestión. Non entanto, o falecemento do fundador deste espazo en 2014 parou toda a actividade no centro, que comezou un rápido proceso de deterioración. En 2023, os descendentes de López cedéronlle ao concello as instalacións con vistas a reactivar as propostas didácticas desde o mesmo, un proxecto que está pendente de se desenvolver.

A vaga dos anos 10
O impulso á construción de observatorios incrementouse na primeira década do século XXI no noso país. Neste período abriron as súas cúpulas o de Ribadeo (2001), Forcarei (2008) Monte Coirego, en Corgas, en Taboadela, Ourense (2010), en Cerdedo-Cotobade (2011). O proxecto de Ribadeo tivo unha curta vida activa. Promovido desde o Concello, avarías na maquinaria que permitía mover a cúpula, canda a problemas de filtracións de auga lastraron a actividade deste complexo astronómico, situado na coñecida como Casa da Ría. A Asociación Cultural Xerfa, mediante un convenio, instalou no lugar o seu propio telescopio, de 25 centímetros de diámetro, e desenvolveu actividades didácticas que continuaron, de xeito puntual, ao longo das máis de dúas décadas que transcorreron desde a súa apertura. Na actualidade as instalacións atópanse vandalizadas e con necesidade de importantes reformas para se pór en marcha de novo.

A recuperación de Lalín
A estes proxectos sumouse a reactivación das instalacións orixinais do Padre Aller en Lalín. "A coincidir coa véspera do Ano Internacional da Astronomía, que se celebrou en 2009, suxerímoslle ao Concello a súa recuperación", explica Docobo. "Logo dun convenio coa USC démoslle de nova vida ao lugar onde comezou a investigación astronómica en Galicia". O espazo, musealizado, conserva mobles e instrumentos do científico canda a documentos, fotografías e libros da súa biblioteca persoal. En 2011 instalouse un novo telescopio de 51 centímetros de diámetro e reformouse a cúpula, a conservar a madeira orixinal do espazo. "Baixo esa mesma madeira baixo a cal Ramón María Aller pasou traballando unha morea de noites, organizamos unha morea de actividades", sinala do director do observatorio compostelán.

Ceo, ciencia e cultura
O centro de Forcarei naceu a raíz dunha iniciativa da asociación Astrovigo, e logo pasou a estar xestionado pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (C3), "Foi cousa dun grupo de afeccionados á astronomía que íamos ao monte facer observacións. Naquel momento non había un edificio que puidésemos empregar para esta tarefa, e menos que nos permitise facer actividades ou mesmo desenvolver algo a nivel científico", explica Enrique Alonso Blanco, director da entidade. "Presentámonos aos fondos Leader e, para a nosa sorpresa, outorgáronnos 180.000 euros". A achega, non entanto, esixía o apoio dunha entidade local de cara a completar os fondos para a edificación. "Pensamos na Cañiza, onde facíamos moitas observacións, pero ao final foi Forcarei o concello que se amosou máis interesado, e ademais cumpría coas condicións tanto para a observación como para o acceso, case no centro de Galicia". Á contribución municipal sumáronse achegas de Caixanova e da Deputación de Pontevedra ata completar os 240.000 euros necesarios para completar o proxecto. En 2009 abrían as súas portas estas instalacións, situadas nas aforas da vila. "Hai unha contaminación lumínica moi baixa e un ceo espectacular", lembra Alonso. "Ademais conta cuns accesos moi bos, pódese chegar a camiñar desde a estrada". O complexo conta cunha cúpula de 5 metros e un telescopio de 51 centímetros de diámetro, " cunha calidade excepcional", apunta o director da Fundación. "Agora estamos a probar unha cámara nova que conta cunha rolda de filtros para conseguir imaxes de maior calidade", sinala.

Turismo científico
As instalacións albergan unha actividade continua, e cada ao recibe preto de 5.000 persoas. "Veñen colexios e campamentos, nas fins de semana temos grupos de visita de entre 20 e 40 persoas e tamén no verán facemos actividades entre semana e observacións das Perseidas", estrelas fugaces que se poden observar a mediados de agosto e que chegan a congregar máis de 700 persoas. "Estas fanse sen telescopio, porque é como mellor se ven. Recomendamos vir con mantas para se deitar no chan e algo de bebida e comida, e imos explicando constelacións mentres se ollan as estrelas fugaces". Segundo lembra Alonso, "cando puxemos en marcha esta proposta non había ningunha similar. O noso obxectivo é combinar o turismo astronómico e a actividade científica". Deste xeito "tentamos difundir a parte científica co apoio de Ana Ulla, da Universidade de Vigo, e de Felipe Miranda desde o Instituto de Astrofísica de Andalucía. Temos un comité de asesoramento externo con profesionais das Universidades da Coruña, de Santiago e doutras, que nos axudan a definir o que queremos facer", sinala. Nese nivel máis científico, "estamos a seguir tránsitos planetarios. Tamén facemos seguimento de estrelas variables ou vixiamos asteroides". O seguinte paso "sería incorporar a espectroscopia e darlle un impulso importante" á parte científica da actividade. Con esta técnica pódese coñecer a composición de corpos estelares e determinar o seu movemento, entre outras cuestións. Canda a isto, existe o proxecto de crear un planetario no terreo anexo ao actual observatorio.

A ciencia cos pequenos
Aínda que pode sorprender a implicación destes pequenos centros galegos proxectos científicos internacionais, cómpre ter en conta que os estudos astronómicas desenvólvense en moitas ocasión a sumar observacións desde diferentes lugares do mundo. "Neste mundo, se queres facer algo, os profesionais precisan do apoio dos afeccionados, porque hainos que saben moito e teñen experiencia", lembra Enrique Alonso, que non entanto, advirte que "cómpre depurar os procesos para que saian o mellor posible".

De Cotobade ao ceo
Cunha historia similar ao de Forcarei, a Asociación Astronómica Sirio, de Pontevedra, conta tamén cun observatorio en Cerdedo-Cotobade. "A procurar unha localización con pouca contaminación lumínica para facer as nosas observacións como afeccionados atopamos o monte Coirego. Despois da vaga de incendios de 2007, a Xunta sacou un plan para proxectos en zonas rurais, e decidimos presentar esta proposta canda á asociación local Canón de Pau. Foi adiante e inaugurouse en 2011. A propietaria é a asociación e nós temos a xestión subrogada", explica Igor Piñeiro Sá desde a asociación Sirio. A vocación didáctica está tamén presente desde o primeiro momento no proxecto. "ao comezo faciamos unha xornada de portas abertas o primeiro sábado de cada mes, pero chegou un momento en que había moita xente e pasamos a facer visitas guiadas todos os sábados, se a metereoloxía o permite. Así, recoñece que das 48 visitas previstas o último ano só se puideron desenvolver en 19. "Son actividades gratuítas, fanse visitas de 35 ou 50 minutos nas que se ven as estrelas a simple vista, a través de prismáticos astronómicos e polo telescopio". Este elemento, de tipo catadióptrico e cunha lente de 40 cm de diámetro, compleméntase cun espectrómetro, un telescopio reflector de 30 cm de espello e mais unha cámara astronómica. A Asociación combina estas propostas con actividades para grupos e centros de ensino. Non entanto, non desenvolve actividade científica no centro. "Temos a pexa de que o observatorio funciona cun xerador, non conta con conexión á rede eléctrica. Entón non se pode controlar en remoto para facer seguimentos de obxectos. Ademais, as variacións na tensión eléctrica fan fallar os aparellos máis sensibles", sinala. De cara ao futuro apunta o interese do colectivo por se sumar a este tipo de observacións.

Construír un observatorio
A falar do custo de desenvolver unha instalación deste tipo, desde a Asociación Sirio Piñeiro apunta que "un par de centos de milleiros de euros vanse. Hai que ter moito coidado coa estanquidade para evitar humidades, e o telescopio vai asentado nunha columna totalmente independente do edifico para que se poida mover sen vibracións. Un proxecto coma este ten a súa complexidade e esixe supervisión".

A ciencia de Taboadela
O lugar das Corgas, en Taboadela, acolle desde 2010 o observatorio que emprega para as súas observacións a Asociación Astronómica de Ourense. Estas instalacións, que naceron como unha aposta persoal do seu presidente, José Antonio Álvarez, foron unha reacción "ao cansazo de andar saíndo a montar e desmontar telescopios e facer quilómetros. Queria ter unha situación fixa para as observacións". Logo de construír o espazo, Álvarez puxo as instalacións ao servizo do medio cento de membros con que conta a asociación. "Fíxeno con toda a ilusión que merece o mundo da astronomía e coa ilusión de transmitir este coñecemento e esta ciencia". Na actualidade, nas Corgas acumúlanse dezaoito telescopios, tanto reflectores, entre os que destacan un de 32 cm de diámetro e outro de 25, como refractores, ademais dun catadióptrico de 22 cm. A estes súmase outro para observación solar, cámaras e equipo informático variado para controlar todo este equipamento. O groso da actividade do centro está orientada á actividade dos socios e mais ao traballo científico. "Colaboramos con diferentes organismos oficiais en Europa ou Latinoamérica, con traballos que se publican nos boletíns astronómicos, en Estados Unidos ou Francia". En concreto, "estamos a traballar sobre todo no tema de fotometría e asteroides, que é o que máis nos solicitan".

Divulgación á carta
Aínda que non conta cunha programación de divulgación estable, o establecemento "ten as portas abertas e recibimos visitas de xente de España e do exterior. Neses casos montamos unha batería de telescopios na terraza para permitir que a xente poida empregalos sen ter que facer colas", lembra Álvarez. Nesas visitas "tentamos amosar a mecánica da astronomía no observatorio, como se estudan ou se descobren obxectos ou se fan fotografías. Polo xeral non queremos marcar a curiosidade que trae a xente con algo fixo, senón que sexan os visitantes os que acheguen esa inquietude". Canda a isto, a entidade fai tamén actividades para centros de ensino e colectivo fóra deste espazo. De cara ao futuro inmediato, a intención do Álvarez é continuar a ampliar as instalacións. "para desenvolver novos proxectos e ter zonas separadas para diferentes observacións".

A iniciativa pública
O Centro Astronómico Trevinca, inaugurado en 2021, é polo momento a última cúpula que se ergueu no noso país con esta función. A amosar o xeito no que mudou o interese pola astronomía no noso país, cómpre destacar que neste caso o centro, que promoveron conxuntamente Xunta de Galicia e Deputación de Ourense e depende do Concello da Veiga, está xestionado por unha empresa e orientando á divulgación mediante actividades de pago. A construción deste complexo, que conta con dúas cúpulas móbiles, contou un investimento de 620.928 euros aos que se sumaron outros 180.268 para o equipamento. Este consiste nun telescopio automatizado de 40 cm de espello ao que se suma un refractor de 150mm orientado á fotografía, un telescopio solar e outros cinco, de menor tamaño, para observación visual. "Conta cunha área expositiva, na que se poden ver fotografías e se explican conceptos astronómicos. Temos tamén un planetario dixital cunha cúpula de oito metros e capacidade para 40 persoas", lembra Óscar Blanco, responsable da empresa que leva o centro. Malia á orientación fundamentalmente divulgativa deste, as instalacións tamén se empregan para determinadas investigacións.

Alugueiro de espazo para telescopios
A uns cincocentos metros deste complexo, a empresa que o xestiona, Trevinca Skies, instalou en 2023 dúas casetas con tellado móbil destinadas a observación astronómica. Esta iniciativa privada ten a peculiaridade de que oferta aloxamento de telescopios a nivel internacional. "Temos preto de 100 telescopios propiedade de usuarios que os manexan de maneira remota desde 30 países diferentes", explica Blanco. Destes, "como un 20% son usuarios que fan investigación, como universidades, institutos ou agrupacións astronómicas, pero tamén temos particulares", explica. "A maioría fai fotografías para publicar, pero tamén hai parte de investigación que procuran asteroides ou cometas, fan medidas astrométricas ou fotométricas e mesmo xente que emprega a espectrografía para facer análises astrofísicas", repasa. A curiosa iniciativa naceu, unha vez máis, dos membros dunha agrupación astronómica. "Eramos da agrupación Ío da Coruña, e a intención inicial era facer un observatorio remoto para nós, pero vimos que podía dar rendibilidade". Este tipo de centros operados en remoto están a ir a máis. "Hai 15 ou 20 anos a tecnoloxía non permitía as actuais conexións, agora resulta moito máis sinxelo", sinala desde Trevinca Skies. Apoiados nesta infraestrutura, os espazos deste tipo "medran, sobre todo onde as condicións son boas. A maior parte dos que existen en Europa están na Península, onde aínda hai algunha zona escura e noites despexadas". A empresa ve aínda marxe de crecemento e, quizais no futuro, crear outro espazo deste tipo no noso país ou no exterior.

Proxectos pendentes
Canda a todos estes proxectos, houbo aínda algunha outra proposta que non chegou a callar. A comezos deste século Observatorio de Monte Faro prevía construír neste icónico lugar de Chantada unhas instalacións que albergarían un telescopio de dous metros de apertura, maior que calquera outro existente aínda hoxe no país canda a outros aparellos destinados a divulgación. O propio Docobo foi director científico desta iniciativa, que se desenvolveu mediante un convenio entre a Xunta e a USC. "O proxecto chegou a completarse, foi un traballo intenso de varios anos no que participaron varios especialistas estranxeiros. O cumio foi elixido tras un minucioso estudo científico, acadándose resolucións comparables a algúns lugares onde están instalados grandes telescopios. Os terreos xa foron expropiados hai vinte anos", pero a construción non chegou a realizarse.

Un panorama en expansión
En xeral, todas as asociacións coinciden en apuntar un incremento no interese por esta ciencia entre o público en xeral. "A comezos deste século eramos unha panda de frikis, agora está moito máis espallado, tamén grazas ao turismo. A certificación Starlight chama a moita xente e vemos que medra o número de membros na asociación. Pero sobre todo detectamos un crecemento exponencial na demanda das actividades de divulgación ao longo dos últimos dez anos". Encol da situación da astronomía no país, Enrique Alonso considera que "é evidente que algo está a se facer ben e prolifera a afección", e sinala que na actualidade "existen actividades para o público galego e para turistas". Encol da situación dos observatorios galegos, desde Taboadela Álvarez bota en falta unha maior coordinación entre centros. "Existen un cantos proxectos. Xa entre 2010 e 2015 tentouse centralizar nun só observatorio as actividades que se realizan, pero non chegou a nada. Eu respecto o que fai cada un pero é necesario un certo nivel de coordinación. Está ben ensinar o que hai e facer fotografías, pero un centro deste tipo debe ser para algo máis", asevera.

Destinos astronómicos
A vaga de interese pola astronomía en Galicia vai moi para alén da construción de observatorios. A declaración de destinos Starlight, a recoñecer a calidade dos ceos nocturnos de boa parte do territorio, engade a observación de estrelas aos atractivos de diferentes localidades do país. A Veiga foi o primeiro concello galego con este recoñecemento, ao que seguiron outros espazos como as Illas Atlánticas, Muras, Lalín leste, a Costa da Morte, as Mariñas Coruñesas ou Ancares, aos que se sumaba neste mes de abril Chantada. A aproveitar este potencial, nos últimos anos multiplícanse tamén os miradoiros astronómicos, espazos exteriores acondicionados en canto a luz e orientación que facilitan a observación a simple vista do espectáculo do ceo nocturno. "O turismo astronómico, a raíz dos destinos Starlight, tirou moito da astronomía" lembra Óscar Blanco. "Hai máis presenza e estabilidade. Nós recibimos entre 4.000 e 6.000 persoas ao ano. A xente ten moita curiosidade por este mundo". Nese sentido reivindica "o papel das agrupacións astronómicas, que fan un labor divulgativo sen ánimo de lucro moi importante".

Amenazas ás estrelas
Fronte á eclosión de propostas astronómicas, Alonso advirte, desde o observatorio de Forcarei, do perigo que corren estas iniciativas. "O que pedimos á administración é que teñan en conta a contaminación lumínica á hora de deseñar parques industriais e eólicos. Educar a xente sobre o impacto deste problema e os efectos negativos da luz artificial é unha das nosas prioridades". Canda a isto "achamos en falta un apoio público máis claro, en xeral ao nivel de ciencia. Ás veces custa convencer a certos estamentos de que cousas coma estas non funcionan soas". Concorda con el Piñeiro, desde Cerdedo-Cotobade, a sinalar que "o problema nos últimos anos é a guerra da luz. Están a se instalar moitos LEDs de luz azul que abaratan o custo pero que botan moitos fotóns ao ceo, e estamos a sufrir algo esa falta de sensibilidade coa cultura astronómica".

As posibilidades dos ceos galegos
Aínda que recoñece que a nosa climatoloxía non é a máis axeitada para a observación astronómica, Alonso lembra que "hai observatorios máis ao norte, en Edimburgo, Alemaña, París ou en Greenwich. É certo que canto máis claras sexan as noites mellor, e que cara ao sur prolifera máis. Para o clima que temos penso que traballamos moi ben". A falar das condicións para practicar astronomía en Galicia, Piñeiro, pola súa banda, apunta que "temos un bo ceo. Para o noso clima, podemos estar orgullosos dos observatorios que hai no país. Non podemos compararnos con Canarias ou zonas do sur que teñen máis días despexados". No entanto, Óscar Blanco, desde Trevinca Skies, sinala que "as condicións en Galicia son mellores do que en Centroeuropa, nós conseguimos un 50% de noites hábiles nos últimos anos", sinala.

O futuro da observación
Como reclamación para o futuro, en Sirio consideran que "estaría ben darlle un empurrón aos centros que existen, proporcionar ferramentas para entrar pouco a pouco na observación cientítica. Non ten moito sentido gastar diñeiro en instalacións complexas a nivel óptico para ter que pelexar co noso clima". "En Agosto de 2024 fixemos unha quedada informal na que reunimos profesionais da astrofísica de Galicia que traballan na diáspora. É xente que está na primeira liña, e a verdade é que foi unha experiencia moi bonita. A idea é continuar facéndoa para compartir experiencias e novidades", sinala Alonso como un dos proxectos pendentes desde Forcarei. "Galicia ten bos ceos, especialmente en áreas como O Courel ou a Baixa Limia, sen turbulencias e sen contaminación lumínica como noutras zonas. Sería ideal montar un grande observatorio a nivel profesional, como os que hai en Cataluña ou en Andalucía. Aquí non se fai moita cousa a comparar co que fan alí, ou en Levante ou no País Vasco", reivindica José Antonio Álvarez desde Taboadela. Polo momento, os ollos de Galicia cara ao ceo seguen ben abertos.
Ligazóns