Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos

É o galardón literario con máis dotación de Galicia

Fernando Castro Paredes     Foto: ed. Galaxia
Fernando Castro Paredes Foto: ed. Galaxia
En buscada coincidencia coa efeméride do Día do Libro a Editorial Galaxia ven de dar a coñecer o fallo do seu Premio Galaxia de Novela 75 Anos, o galardón literario de maior dotación económica en Galicia arestora con 25.000 euros de contía. O escritor Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) resultou o gañador coa súa novela 'O lanzador de coitelos' , que acadou o voto favorable da maioría do xurado presidido pola catedrática e conselleira da editorial, Dolores Vilavedra Fernández e composto por Marcos Calveiro, como secretario; Ramón Nicolás Rodríguez, escritor, profesor e crítico literario; Tensi Gesteira Estévez, xornalista e crítica literaria; e Inma Otero Varela, escritora, profesora e crítica literaria.

A novela, segundo destacou o xurado, sobresae pola súa elevadísima calidade literaria e pola forma brillante na que está escrita, atrapando o lector nunha atmosfera desacougante. Enmarcada no xénero do thriller, 'O lanzador de coitelos' aborda cuestións complexas, como a memoria (individual e colectiva), a liberdade, a identidade e o control social levado ata extremos humillantes. O texto articúlase como un xogo metaliterario e de máscaras, no que se reivindica tamén a relación entre a arte e o fracaso. O gañador, Fernando Castro Paredes, participo da rolda de prensa e sinalou que "en ningún momento pensou que este texto puidese ter un recoñecemento desta envergadura", o que tildou como "un premio histórico", poñendo en valor "o orgullo inmenso que sente por poder recibir este galardón".

Castro Paredes é profesor de Ensino Secundario. Desenvolve unha ampla actividade no eido do teatro escolar e afeccionado como coordinador da agrupación Tuéjele Teatro do IES Fernando Blanco de Cee e membro do grupo Farándula Velutina. Como dramaturgo, foi recoñecido con galardóns como o Premio Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro e o Roberto Vidal Bolaño. Entre as súas obras destacan "A derradeira bala" (Editorial Galaxia, 2018), "Papiroflexia" (Editorial Galaxia, 2021), "Pallaso", "Sincronizadas" e "Ofelia ou o cabeiro da cóbrega". No ámbito narrativo, publicou "Miss Antropía" na colección Costa Oeste de Galaxia e en 2023 foi recoñecido co Premio García Barros por "Entomoloxía para misioneiros".