A Real Academia Galega homenaxea a Luís Seoane polo Día da Poesía

A homenaxe interartística celébrase este 27 de marzo na Coruña

A homenaxe interartística celébrase este 27 de marzo na Coruña
A sede da Fundación Seoane na Coruña acolle na tarde deste 27 de marzo a homenaxe coa que a Real Academia Galega celebra o Día da Poesía. A entidade acordou enfocar en Luis Seoane esta celebración mediante "un acto arredor do seu universo creativo cunha ollada interdisciplinaria" que se celebra baixo o título Luis Seoane. Unha ollada interartística desde o exilio e o compromiso.

A homenaxe, que dará comezo ás 19 horas e tamén se poderá seguir en liña, contará con intervencións de Xesús Fraga, Helena González, Carlos Negro, Alba Cid, Anxo Angueira, Oriana Méndez, Baldo Ramos e María do Cebreiro. A parte musical correrá a cargo de Tino Baz.

O presidente da RAG Víctor F. Freixanes, e a académica María López-Sández, intervirán tamén ao comezo do acto. López-Sández coordinou ademais unha plaquette que recolle as intervencións do acto e que está dispoñible para descarga na sección de publicacións do web da Academia.