A exposición 'Virxilio inédito' celebra os cen anos do nacemento do artista

A súa filla comisaría a mostra que percorre a traxectoria do pintor ourensán

O Centro Cultural Marcos Valcarce de Ourense acolle desde o hoxe a exposición 'Virxilio inédito. 1925- 2025', coa que celebra o centenario do nacemento do artista plástico. Virxilio Fernández (Ourense, 1925 - 2011) foi un artista destacado da súa xeración, integrante do grupo ourensano coñecido como 'Os artistiñas', do que formaban parte outros coñecidos nomes como Acisclo Manzano, Xaime Quessada, Manuel Buciños, Xosé Luís de Dios, Arturo Baltar e Xavier Pousa. A mostra actual, comisariada pola filla de Virxilio, Gabriela Fernández Rivera ofrece un perorrido por unha traxectoria vital e profesional longa e fecunda que fixo del unha referencia. A traxectoria expositiva de Virxilio comeza no Liceo da súa cidade natal na segunda metade da década dos anos cincuenta e conclúe na sala Antolóxica na Casa de Galicia en 2009.

Segundo explica o texto que acompaña esta mostra, Virxilio desenvolve unha simplificación formal, de raíz expresionista, coa utilización un tanto arbitraria da cor, de progenie Fauve. Para os seus cadros utiliza como formato característico táboas como soporte, necesarias para os seus temas realizados con areas mesturadas en capas miúdas para xerar relevo, con pequenas volutas curvas. É un efecto que ten na base o debuxo, a lapis ou pluma, engadindo tintas planas aplicadas con intensas cores, efectivo recurso que lle identifica, sistema que utiliza así mesmo en carteis e portadas de libros. A exposición estará aberta ata o 11 de maio.