A Facultade de Filoloxía de Santiago celebra 50 anos cun festival

Músicas e músicos que pasaron polas súas aulas compoñen o programa de Scripta manent, verba volant

Para celebrar, este mes de febreiro, os seus 50 anos de existencia, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago programa para este día 26 un festival musical singular. Scripta manent, verba volant reúne, ás 19 horas no Auditorio de Galicia, unha selección de artistas que pasaron polas aulas deste espazo ao longo da súa historia.

Nomes destacados do panorama musical galego, como Pauliña, César Morán, Eladio Santos, Alba María, Filólogos de Ataque Escampe (Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira, Álex Charlón), Carlos Valcárcel (Projecto Mourente), Noemi Basanta, Laura Lamontagne, Susana De Lorenzo, Leo De Matamá, Uxía, Alfredo Dourado e Antón Reixa compoñen un programa que coordina Xurxo Souto.

Canda a eles, a Orquestra Bravú Xangai correrá cos arranxos musicais, e o evento inluirá a estrea dun himno composto por Xurxo Souto a partir do poema Música reservada de Luísa Villalta, que tamén foi alumna do centro.