Hoxe é o día 'de amor'

O colectivo creativo 'resaca emocional' saca o seu disco de debut

Capa do disco  © Zeltia Iglesias
Capa do disco © Zeltia Iglesias
Acaído ao día de San Valentín chega o disco de debut do colectivo creativo multidisciplinar 'resaca emocional' (RSK no seu nome curto), baixo o título 'de amor' (Tremendo audiovisual). Tras catro temas que foron avanzados nos pasados meses, hoxe sae á luz a totalidade do álbum de 10 temas que xa está en plataformas. Ash Diz, Berto Mira, Brais Iriarte e Lorena Cachito conforman a parte musical deste colectivo no que tamén hai artistas visuais e no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. O resto do colectivo está conformado por Diana Montserrat: danza; Gala Rodriguez: escenografía, vídeo, foto; Noelia Mato: danza; Rocio Campoy: debuxo, maquillaxe; Zeltia Iglesias, deseño. O disco ofrece dez delicadas e exquisitas cancións de pop electrónico, suaves pero con picos de baile techno -acompañadas doutras tantas pezas visuais de Zeltia Iglesias- que afondan con honestidade no universo emocional dunha xeración nova con todo por explorar.

Segundo o texto que acompaña a presentación, 'de amor' parte do nacemento dunha relación afectiva, como é o caso do 'sae o sol' -o tema de apertura do disco-; e avanza con luminosidade pola intensidade inicial con 'a fin do mundo' ou 'ondas sonoras de xúpiter (24/7)' -peza na que colabora Juana-, mentres que con 'mario crush' explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico; para dar paso a 'xogar contigo', 'cupido', 'a frecha' ou 'bolboretas', que reflicte a tensión entre o desexo contido e a catarse; ata incluso abordar o medo, as inquedanzas ou a perda, como é o caso de 'trapecista emocional' e 'o único medo que teño', temas que pechan do álbum. Só que da saber cando poderemos ver en directo estes temas contando, de seguro coas achegas de todo o colectivo.



RSK aborda en 'de amor', desde a vulnerabilidade e a intimidade, o querer, os afectos e os coidados. Faino desde un espazo atravesado polas diversidades no que se representan os diferentes tipos de amor desde unha ollada naif, linda e cálida, sempre apoiado por unha sonoridade pop envolvente e característica, unha produción meticulosa na que atopamos os ecos dos traballos individuais dalgúns dos seus membros como o talentoso Berto, e todo un universo audiovisual que acompaña o seu relato. Ao cabo, o disco é unha pata máis do propio proxecto: resaca emocional é un colectivo que se constrúe desde os coidados, poñendo en valor o traballo, inquedanzas e inspiracións de cada integrante ao traballar de forma colaborativa na creación de pezas musicais, audiovisuais e de deseño gráfico. É xogo, creatividade sen fronteiras e busca deliberada de inocencia. RSK achega as súas ansias de amosar o máis puro que nos poida ofrecer, de non poñerse límites e de entenderse coma unha exploración continúa. Un discurso que o colectivo presenta en forma de dez himnos bailables que gardar no corazón.