Os movementos migratorios protagonizan as XIV Xornadas Gálix-Desfacendo a Raia

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil organiza este encontro en Santiago os días 29 e 30 de xaneiro e 5 de febreiro

O Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela acolle estes 29 e 30 de xaneiro e o 5 de febreiro as XIV Xornadas Gálix-Desfacendo a Raia. A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil organiza este encontro co que "queremos desfacer máis fronteiras aínda, poñendo o eixo do debate e a reflexión na situación das persoas, principalmente a infancia, que se se ven na necesidade de saír dos seus países por estaren en situacións de violencia ou miseria".

O programa artéllase en tres mesas redondas que estarán dedicadas a "As guerras e as migracións na LIX galega" coa participación de Lois Pérez, Rosa Aneiros e Beatriz Maceda. Pola súa banda, Susana Suniaga, Laura Rodríguez e Iago Nicolás falarán sobre "As guerras e as migracións nos eidos das traducións e da ilustración". Finalmente, "As migracións as guerras e o teatro" contará con Marta Neira, Carlos Labraña e Celia Díaz.

A iniciativa conta co apoio da Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil e do Ministerio da Cultura.