As candidaturas aos XXIII Premios Mestre Mateo baten os máximos anteriores

Os galardóns do audiovisual entran agora en período de votación polos membros da Academia Galega

13/1/2025 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
7 lecturas | Compartido 0 veces

Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual ven de abrir o período de votacións para escoller aos finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo. As académicas e académicos poderán votar nesta primeira volta entre as candidaturas inscritas para a vixésimo terceira edición dos galardóns do audiovisual galego, que celebrará a súa entrega de premios nunha gala que terá lugar en Lalín o vindeiro 15 de marzo. Segundo comunica a Academia, esta edición bateu as marcas anteriores de candidaturas inscritas tanto nas categorías de produción, cun total de 199 obras, como de profesionais, con 536 participantes. A categoría de longametraxe mantén a marca do ano pasado de dez inscricións e da conta da boa saúde do audiovisual galego. As categorías de programa, curtametraxe de imaxe real e curtametraxe de animación bateron marcaron un novo máximo tamén de participacións. As series de televisión manteñen a súa tendencia á alza e incrementan inscricións con respecto aos dous últimos anos, con producións estreadas na CRTVG e en plataformas como Netflix, Movistar Plus e Prime Video.
É salientable que máis da metade das producións inscritas teñen a súa versión orixinal en galego, o 68,6%, o que supón un incremento de máis de tres puntos con respecto aos datos da pasada edición.Nas categorías profesionais hai un total de 536 inscritos dos cales 320 (un 60%) son homes e 216 (un 40%) son mulleres. As categorías que aglutinan o maior número de candidaturas son montaxe con 72 participantes, guión con 65 e interpretación masculina de reparto con 44. Neste primeiro prazo de votación, que estará aberto ata o 27 de xaneiro ás 12:00 horas, as académicas e académicos elixirán as candidaturas finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo. Unha vez anunciadas, abrirase un segundo prazo de votación para elixir ás gañadoras que se darán a coñecer na gala de entrega de premios, que terá lugar o 15 de marzo no Lalín Arena, unha das citas máis importantes para a cultura galega.

Universo culturagalega.gal