Beatriz Dourado faise co Premio Arume de Poesía para a Infancia

A Fundación Neira Vilas galardoou a súa obra Latexos

Beatriz Dourado. Fonte: Fundación Neira Vilas
Beatriz Dourado. Fonte: Fundación Neira Vilas
A cuarta edición do Premio Arume de Poesía para a Infancia, que convocan a Fundación Xosé Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación do libro infantil e xuvenil GALIX, xa ten gañadora. Beatriz Dourado impúxose nesta xeira do certame con Latexos, obra que lle reportará un premio en metálico de 1000 euros e será publicada por Edicións Embora.

O xurado do que é único galardón do seu tipo existente no país destacou de Latexos o "intelixente e suxestivo uso de recursos diversos como as onomatopeias, anáforas ou metáforas que constrúen un universo poético engaiolante para o público novo".

A entrega do premio transcorrerá este 13 de decembro ás 19.00 h. no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura. No acto presentarase tamén o libro Versos (a)variados, de Pablo Nogueira, gañador da anterior edición do certame.

Dourado xa obtivera en 2023 o premio Premio Florencio Delgado Gurriarán e fora tamén galardoada en certames como o María Marió ou o Avelino Díaz. Ten publicado ademais o poemario IntraGUERRAS.