A Fundación Juana de Vega galardoa o Complexo Enoturístico María Manuela

É a primeira ocasión que o Premio de Intervencións na Paisaxe recoñece instalacións produtivas no medio rural

| Santiago. Redacción | Seccións: Arquitectura
Compartir:
Cabana do complexo María Manuela. Fonte: Web do proxecto

Cabana do complexo María Manuela. Fonte: Web do proxecto

O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, que por vez primeira se convocou na categoría de Edificacións e instalacións produtivas no medio rural, recoñeceu o Complexo Enoturístico María Manuela de Boqueixón cos 6.000 euros do primeiro posto. Os cartos repartiranse entre Alfonso Salgado Suárez e Francisco X. Liñares Túnez, arquitectos do proxecto e mais os promotores Nieves Millán e Moisés Rodríguez.

O xurado valorou "a filosofía da intervención, a calidade e sensibilidade na execución tanto da adega como das seis cabanas, a súa adaptación á contorna e a posta en valor dos elementos naturais". Ademais, o fallo destaca o feito de conservar unha carballeira para este proxecto turístico, canda aos "criterios de sustentabilidade e economía de materiais, especialmente a selección e uso de madeiras, o emprego de pés arbóreos nalgunha cabana e o tratamento respectuoso da vexetación a nivel de estrato arbustivo e herbáceo".

O premio outorgou ademais dous accésit de cadanseus 1.500 euros ao edificio de depuración de augas da granxa Casa Grande de Xanceda, en Mesía e mais ao restaurante Culler de Pau do Grove. Canda a estes, o xurado fixo unha mención especial ao Forno de pan de Cea Aboamigalla.

O galardón, que en cada xeira se centra nun tipo de intervencións, recoñece nesta xeira "a calidade construtiva e correcta integración paisaxística de todo tipo de construcións vinculadas con procesos produtivos no medio rural", e poden optar á mesma "desde granxas a naves, fábricas, adegas, serradoiros e instalacións auxiliares ou calquera instalación produtiva de calquera sector económico asentado no medio rural como plantas industriais". As outras categorías do galardón son as de Intervencións en espazos exteriores e mais en Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna.

Que che parece esta nova?
72 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con María Manuela, Juana de Vega, Medio Rural, Paisaxe...