A Xunta presume do crecemento das bibliotecas galegas

Un informe da Consellería de Cultura verifica incrementos sostidos en número de usuarios e préstamos

As bibliotecas galegas continúan a tendencia crecente que iniciaron en 2021, logo da pausa provocada pola pandemia de Covid-21. Así o verifica o informe que o conselleiro de Cultura, José López, presentou este 27 de novembro e que analiza a evolución deste ámbito entre 2019 e 2023. Segundo os datos, máis dun terzo da poboación galega, 846.441 persoas, conta cun carn das bibliotecas públicas do país. A cifra, xa coñecida, medrou nos últimos cinco anos un 4,6%.

Destes, máis de 150.000 persoas empregaron o servizo de préstamos, o que supón un incremento do 12,9% respecto a 2022. En total, foron 2,1 millóns de préstamos os que se realizaron no último ano estudado, o que marca unha suba do 8,8 %"

O estudo que deu a coñecer López salienta ademais que un 94% dos 313 centros galegos recollidos neste estudo amosan evolucións positivas en todos os indicadores rexistrados. Unha da subas máis destacadas é a do número de visitantes a estas instalacións, que entre 2022 e 2023 se incrementou nun 13,4% ata acadar a cifra de 3.700.000 persoas.

Outra das revolucións no sector é o crecemento da plataforma dixital GaliciaLe, que nos últimos tres anos medrou nun 57,9 %, ata chegar a máis de 51.000 usuarios. O conselleiro destacou tamén o rendemento das Furgotecas, nadas en 2023, que funcionamn por concellos rurais de Lugo e de Ourense e que expediron 1.394 carnés e realizaron preto de 15.000 préstamos deste entón.