Queremos Galego chama a "mudar o rumbo" da nosa lingua

A entidade convoca unha concentración en Compostela este 17 de novembro co apoio de 150 entidades

Co lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego, a plataforma Queremos Galego convoca unha concentración na compostelá Praza da Quintana este domingo 17 de novembro. A iniciativa, segundo explicou Marcos Maceiras, voceiro da entidade, responde aos datos de uso de lingua do Instituto Galego de Estatística que "certifican a emerxencia lingüística extrema que vive a nosa lingua, como consecuencia de non se ter actuado sobre a expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social".

A mobilización reivindica a vixencia do Plan Xeral de Normalización Lingüística como ferramenta de consenso para reverter o descenso de falantes e reclama a creación dun calendario de acción ata 2027 para a aplicación e actualización das medidas recollidas no mesmo. Do mesmo xeito, reivindica a dotación dos recursos necesarios para as desenvolver e unha avaliación dos resultados das mesmas.

A maiores, a plataforma reivindica a derrogación do decreto 79/2010 do bilingüismo no ensino e a súa substitución por un novo texto que "asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas". Tamén reclama medidas que aseguren "o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente, en todo tipo de servizos", "recuperar o papel normalizador da TVG" con especial atención ao público infantil e xuvenil, e a garantía da atención en galego en todos os servizos da administración pública.

A entidade apunta que "este proceso debe partir dos obxectivos contemplados nos acordos comúns, amplos e unánimes xa tomados como a Lei de Normalización Lingüística, a Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, a Lei Paz Andrade, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004". En apoio a esta mobilización, Queremos Galego recibiu a adhesión de máis 150 entidades de diferentes ámbitos da cultura e da sociedade galegas a través do seu web.