A Diócese de Mondoñedo-Ferrol custodiará a biblioteca de Julia Uceda

Un acordo co Concello facilitará o acceso aos fondos da que foi Premio Nacional de Poesía

A biblioteca da poeta Julia Uceda, falecida o pasado mes de xullo, será custodiada pola Diócese de Mondoñedo-Ferrol na propia Cidade Departamental. Así o anunciaron este 7 de novembro o alcalde, José Manuel Rey Varela, o concelleiro de Cultura, José Ponte Far e mais o bispo Fernando García Cadiñanos. Os fondos, pendentes de catalogar, foron cedidos pola familia da falecida e poranse a disposición do público na Domus Ecclesiae da Diócese. Con posterioridade pasarán a facer parte da biblioteca que o Bispado proxecta crear na cidade.

Uceda, nada en Sevilla, viviu na parroquia ferrolá de Serantes desde 1976, e manifestara a vontade de que os seus libros ficasen en Ferrol. Segundo informa o Concello, a autora, que foi galardoada co Premio Nacional de Poesía, "tiña na súa casa de Serantes unha gran biblioteca, variada e diversa", composta por milleiros de volumes, moitos deles autografados. Unha ampla colección de poesía canda a clásicos de todos os tempos como a Epopeia de Gilgamesh, o Mahabarata, a Biblia ou o Corán, canda a "libros infantís, de cociña, sobre a música, xeografía, filosofía, política, ciencias sociais, arte ou pintura" fan parte deste legado.

Os libros de Uceda compartirán espazo cos do seu esposo, o psiquiatra Rafael Palacios, e mais cos do escritor Fernando Bores, amigo da poeta e promotor canda a ela do Premio Esquío de poesía. Rey Varela adiantou ademais que a colaboración das institucións permitirá desenvolver "importantes proxectos de recuperación do patrimonio e tamén de conservación do mesmo".