Aleixandre Lago Barcala gaña o V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

O autor coruñés recolleu no Bolo o seu premio acompañado dos dous finalistas

O autor coruñés recolleu no Bolo o seu premio acompañado dos dous finalistas
Aleixandre Lago rodeado dos dous finalistas Foto: Fundación Florencio delgado Gurriarán
Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992) resultou o gañador do V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán convocado pola Fundación que leva o nome do poeta do Córgomo. Sobre a súa obra 'Meditación sobre Patinir' o xurado destacou que é un gran poema, tanto a nivel estético como formal, polo ton épico da linguaxe poética, cun forte poder de evocación da paraxe pictórica. O autor premiado cursou estudos de Filosofía e Filoloxía clásica. Colaborou como tradutor e axudante de dirección na compañía Teatro do Atlántico fundada polos seus país Xulio Lago e María Barcala. Tamén ten publicado o libro Cartafol de Miraxes, gañador do XXIV Certame Literario de Vilalba no 2018.

O premio foi desvelado este sábado 26 de outubro nun encontro celebrado no Bolo e ao que acudiron tamén os outros poetas finalistas, Daniel Barral e Benjamín Vidal. Os tres autores tiveron ocasión de recitar os seus poemas e recibiron estatuas conmemorativas. O premio, apoiado a nivel comarcal, está dotado con 3.000 euros para o poema vencedor. É a primeira vez que este evento, que xa se ten celebrado no Barco, na Rúa e en Vilamartín, chega ás terras bolesas, amosando a estratexia da Fundación por visibilizar aos artistas da comarca e ampliar a súa repercusión. Os tres poemas, gañador e finalistas, pódense ler nun documento feito público pola Fundación