Sara Martínez Bello gaña o Premio de poesía Filomena Dato

A obra 'Eira' recibiu este galardón que inclúe a publicación na editorial Apiario

7/10/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaLingua
Compartir:

Sara Martínez Bello resultou gañadora do V Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario ‘Eira’. A través deste galardón, o Concello de Bergondo apoia a creación poética en galego, así como axuda a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que o concello dedicará o ano 2026. O xurado, integrado por Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto), Dores Tembrás, Lois Pérez e Noelia Gómez, como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Sara Martínez Bello valorando do mesmo que se trata dunha "lectura que sostén o interese da lectora de comezo a fin, polo traballo coa memoria apoiándose na presenza do sensorial sen caer en tópicos e revelando conceptos como a violencia contida e a dignidade do común, o desenvolvemento dunha psicoxeografía propia, o uso coidado da linguaxe". Igualmente, o xurado salientou o "emprego e control de diferentes estruturas do poema que desembocan nunha conxunción entre forma e fondo, subliñando unha sensación de verdade". O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato.

Que che parece esta nova?
79 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Filomena Dato, Poesía, Apiario, Lois Pérez...