Ortiga presenta 'Obra social'

No seu terceiro disco o artista mantén fresca a súa defensa da música de verbena

Arte de Mariano Casas Gil par o disco
Arte de Mariano Casas Gil par o disco
Chega 'Obra social' (Raso estudio) o terceiro traballo en solitario de 'Chicho do funk' como ORTIGA. O compostelán mantén alta a bandeira da reivindicación da música de verbena co seu compendio de ritmos da festa popular, merengue, bachata ou cumbia, aderezados con letras canallas que sitúan as súas cancións na órbita do trap urbano. 'Obra social' presenta dez pezas, algunhas delas xa adiantadas en videoclip fai meses como 'Le hice el seso a tu novio' outras cuxo lanxamento no formato de video chega simultaneamente ao lanzamento do álbum completo, é o caso do tema italo-disco 'Andiamo Fare La Bossa Nova'. Se ben a comuñón coa música das festas está presente en todo o álbum o artista créalle todo un himno a estas celebracións con 'A nosa verbena', tema que fixo para unha campaña de Estrella Galicia de patrocinio destas festas e que agora inclúe neste disco.



O título do álbum incide na idea desta música e deste traballo en concreto como lugar de encontro, non só de sonoridades senón tamén das propias persoas. De feito na gravación do disco toman parte numerosas persoas que conforman o seu grupo de soporte, comezando pola produción compartida con Hevi, que tamén fixo a propia gravación e mestura do disco, ata numerosas colaboracións musicais como a de Cibrán (compañeiro en Boyanka Kostova) e mesmo artísticas como a do ilustrador e autor de banda deseñada Mariano Casas, encargado da arte gráfica deste disco, destacada na edición limitada en vinilo do álbum. Tamén resulta destacable o traballo de vídeos feito por Xaime Miranda. Esta 'Obra social' chega tres anos despois de aquel 'Sabes el camino que elegí' (Ernie Records, 2021) e o seu novo selo discográfico, Raso, preséntao como "o disco de confirmación dun dos artistas máis populares e iconoclastas da música galega contemporánea", en todo caso resulta moi claro con el que non hai nada esgotado na súa proposta e que o Chicho segue facendo achegas interesantes, divertidas e frescas dentro da súa particular liña de traballo.