Retranca, trap, música tradicional, hip-hop, electrónica, verbena e máis retranca son os ingredientes cos que o dúo Boyanca Kostova enchen o seu segundo traballo , "Ranaeira" (Mushroom Pillow). Chicho González (Ortiga) e Cibrán García seguen ensanchando o espazo da reinterpretación do tradicional a través dos ritmos urbanos e electrónicos coa súa muiñeira-trap como bandeira. "Ranaeira" tivo como adiantos dous temas que xa deixaban ver os camiños que ía tomar o álbum. O primeiro deles ese "Ázido Úriko", unha colaboración cos Dios Ke Te Crew na que tiran de retranca para renovar os tópicos sobre mariscadas, mentres que no segundo sinxelo presentado "A Quincena Do Apóstol", atopan na vida compostelá e na música tradicional materiais para crear un himno propio cun retrouso para enganchar ben nas verbenas, concertos e festivais. O disco inclúe unha remestura "club" desa "Muinheira de interior" reinventada coa colaboración da cantante Pili Pampín. En total once temas para esta nova entrega que chega para marcar distancias con calquera outro proxecto musical actual de música galega malia poder compartir puntos de encontro con algúns. A presentación en directo comezará na casa, coa participación no festival O Son do Camiño de Santiago o vindeiro 16 de xuño. Tras diso pasarán tamén polo festival AstroMona Fest, de Valladolid o 2 de xullo e xa hai outros concertos programados na axenda dos músicos.