O festival MARÉ reúne en Santiago unha confluencia de diversidades musicais e culturais

Ofrece a primeira representación en varios anos dunha 'Ultranoite' de Chévere Teatro en Santiago

Ofrece a primeira representación en varios anos dunha 'Ultranoite' de Chévere Teatro en Santiago
A colaboración entre o artista Niño de Elche e a formación de jazz Sumrrá é o prato forte da xornada inaugural
A capital galega acollerá esta semana unha nova edición do festival MARÉ, de músicas atlánticas. Entre os días 25 e 29 de setembro a quinta edición deste encontro reunirá trinta proxectos musicais procedentes de varias latitudes. Voces orixinarias de Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina Portugal, Cataluña, Valencia ou Galicia brindaranlle ao público de MARÉ un calidoscopio multicultural que fará de Santiago de Compostela o epicentro atlántico para a confluencia artística. A sección profesional do festival está conformado por encontros sectoriais, showcases, palestras e pitchings, entre outras iniciativas dentro da iniciativa MATE Europa. Albert Pla and The Surprise Band, Ana Lua Caiano, Sumrrá & Niño de Elche, SÉS, Puuluup, Shantel ou Francisco, El hombre forman parte do cartel.

A cooperación musical da formación de jazz galega Sumrrá co valenciano Niño de Elche copará o protagonismo o día de inauguración do evento. O seu concerto celebrarase ás 20.30 horas na Sala Capitol, tras a actuación inicial de Su Garrido Pombo. A xornada inaugural completarase con Diadorim na Riquela e a Foliada prevista na Sala das Crechas. Tras estas primeiras citas, MARÉ despregará nos seguintes días o seu programa noutros espazos como son a praza de Mazarelos ou o Teatro Principal, cuxo escenario recibirá o xoves 26 á SÉS Trío ás 19.00 horas tras o concerto previo de Al Azar (Palestina), mentres que Albert Pla and The Surprise Band subirán o escenario da Sala Capitol ás 21.30 horas. A programación da segunda xornada tamén contempla os concertos da arxentina Aluminé Guerrero na Riquela e de DJ Panko, nas Crechas. O venres 27, será o día escollido por MARÉ para o regreso das 'Ultranoites' de Chévere a Santiago. A Sala Capitol recibirá o regreso deste histórico formato teatral á cidade no que naceu tras case unha década de ausencia.

Xa o sábado 28, os nomes protagonistas serán A Pedreira, que actuará no Teatro Principal precedida pola voz da mexicana Laura Itandehui, e Francisco, El hombre (México/Brasil), que desembarcará na Capitol. O Coro da Rá, Marala ou Alana serán algunhas das actuacións que se poderán ver en Mazarelos, mentres que a Riquela contará con Zuaraz. A xornada de clausura estará protagonizado por Lá no Xepangara, concerto homenaxe a José Afonso, que pretende reflectir a forte presenza da cultura africana na vida e obra deste lembrado artista e o seu papel na loita pola descolonización, a democratización e o desenvolvemento das sociedades lusófonas.