O VIº Ciclo 'Mulleres, Patrimonios, Sociedade' conmemorara a Revolución dos Caraveis

Filmes portugueses, galegos e brasileiros conforman o programa deste ciclo que se desenvolve en Tui

O ciclo 'Mulleres, Patrimonios, Sociedade' pretende abordar a través dos diferentes formatos audiovisuais como as mulleres non son recoñecidas ou mesmo foron invisibilizadas nos procesos de creación e de recreación do patrimonio cultural; ao tempo que valorizar ben o papel que xogaron nestes procesos. A sexta edición terá lugar no teatro municipal de Tui entre os días 26 ao 28 de setembro . Desta volta o ciclo prestará especial atención á memoria histórica, as revolucións e os procesos de transición conmemorando o 50 aniversario da Revolução dos Cravos en Portugal, de feito contará coa presenza do Coronel Mário Tomé, un dos capitáns do 25 de abril.

O ciclo estrutúrase en tres xornadas continuas (xoves, venres e sábado) nas que se proxectan longametraxes e curtas portuguesas, galegas e brasileiras, seguidas dun debate no que se conta coa participación das directoras e directores, integrantes da produción ou actores e actrices e unha figura representativa dalgunha das institucións organizadoras para conducir o debate. O programa é o resultado da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega; a Universidade do Minho a través da Vice-Reitoria da Cultura e Sociedade; o Centro de Estudos Galegos (CEG);o Camões – Instituto da Cooperação e da Língua; a Universidade Federal de Salvador de Bahia; e, nesta edición, coa Cámara municipal de Valença e o Concello de Tui. A entrada é libre ata completar a capacidade.