Nace en Bóveda Vendaval, a Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra

Celébrase entre o 23 e o 25 de agosto entre este concello e Monforte

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Nace en Bóveda Vendaval, a Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra

O centro cultural A Casa da Memoria, en Xullán (Bóveda) e mais o Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte, acollerán entre o 23 e o 25 de agosto a primeira edición de Vendaval. Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra. Esta cita, que coordina a produtora Tamara González, céntrase na memoria histórica, a coincidir con 50 aniversario da Revolução dos Cravos.

A mostra proxectará o día 23 os filmes Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas de Tânia Dinis (2024) e Cartas a uma ditadura, de Inês de Medeiros (2008). Para o día 24 poderán verse O Casaco Rosa (2022), de Mónica Santos, acompañada dun obradoiro a cargo de Cinema con olhos de ver, e mais 48, de Susana Sousa Dias e Prazer, Camaradas! (2021), de José Filipe Costa. Batida de Lisboa (2019), de Rita Maia e Vasco Viana, fechará as proxeccións no Centro do Viño da Ribeira Sacra, que acolle a última xornada do evento.

Ademais dos filmes, o programa inclúe a actuación de DJ Jufra o día 23 e o espectáculo musical Fios de fado, con Iria Estévez e Gonzo Piña o día 24. Na xornada de feche, o Centro do Viño da Ribeira Sacra collerá unha actuación do músico Celeste Mariposa

O proxecto conta co apoio dos concellos de Bóveda e Monforte, da Deputación, da asociación monfortina Náufragos do Paradiso, do Centro do Viño da Ribeira Sacra e do Instituto Camões de Vigo. A organización do evento facilita zona de acampada nas proximidades do centro cultural.

Que che parece esta nova?
49 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ribeira Sacra, Cine, Portugués, Memoria Histórica...