A catalá María Girón gaña o Premio Compostela para Álbums Ilustrados

O xurado elixiu o proxecto 'Bim, bam, bum' entre os 218 presentados dunha vintena de países

A autora e ilustradora catalá Maria Girón foi seleccionada gañadora do XVII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados polo proxecto presentado co lema 'Bim, bam, bum'. O xurado elixiu a obra de Girón de entre os 218 proxectos presentados, procedentes dunha vintena de países, como Arxentina, Chile, Bolivia, Estados Unidos, Suíza, Grecia, Eslovenia, Emiratos árabes, Corea do Sur, China ou Tailandia. A obra gañadora sobresae segundo o xurado pola "frescura" coa que "mostra a cara lúdica da infancia, na que a amizade é un compoñente esencial", e valorou especialmente que 'Bim, bam, bum' evoca "a felicidade nesa etapa da vida". Así, tanto no texto como nas ilustracións están presentes "o xogo, a liberdade, o movemento e o humor, complementándose nun todo harmonioso". O relato, "sinxelo e musical", apóiase en recursos da tradición oral como os acumulativos, as repeticións e os xogos fonéticos.

A dotación do certame, organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, é de 9.000 euros e conleva a publicación da obra en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués o vindeiro mes de novembro. O xurado estivo composto pola autora e ilustradora arxentina Natalia Colombo -primeira gañadora do certame en 2008-, a especialista en Literatura Infantil e Xuvenil Ana Garralón, o ilustrador e editor portugués André Letria, o ilustrador galego Xosé Cobas, a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez, a concelleira de Educación de Santiago, Míriam Louzao, e Cristina Salgado como secretaria.