Marta Villar, Raquel Fernández Fernández e Abel Tomé gañan os premios literarios de Xerais

Ata 103 obras presentáronse este ano aos premios de novela, literatura xuvenil e literatura infantil da editorial

Ata 103 obras presentáronse este ano aos premios de novela, literatura xuvenil e literatura infantil da editorial
Marta Villar, Raquel Fernández e Abel Tomé Foto: Montaxe realizada Ediciións Xerais
'Detective Ferruchi', 'I'm Obélix' e 'Milú e o edificio das persoas extraordinarias' son os títulos das tres obras gañadoras do XLI Premio Xerais de Novela, o XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil que se fallaron este pasado sábado e aos que este ano presentáronse 103 orixinais, un dos datos de participación máis altos dos últimos anos. As autoras dos tres textos son Marta Villar, Raquel Fernández e Abel Tomé, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.

'Detective Ferruchi', de Marta Villar, foi a obra elixida por unanimidade polo xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela. Nesta edición presentáronse 35 obras ao premio. Na obra gañadora a autora conta unha investigación de asasinato, un relato de xénero negro, que ten varios factores que a fan moi particular. Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) é xornalista e integrante de consello de redacción da Revista Cultural Mallas da Area, de Bergantiños. O seu relato comeza coa volta, tras moitos anos fóra, da súa personaxe protagonista Sol Cortés a Umeiro, a súa vila natal, onde monta unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais. A investigación deste asasinato conforma o núcleo da trama. Os numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan na historia mediante uns diálogos que o xurado considera "fluídos e espontáneos onde, unhas veces con humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual", aseguran. Destacan tamén desta obra "a utilización dunha voz narradora limpa e aguda" que aseguran que consegue manter a intriga dende o comezo "a través dun ton cómico e paródico pero tremendamente eficaz".

'I'm Obélix', Premio Jules Verne
Pola súa banda, o xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora tamén por unanimidade a obra titulada 'I'm Obélix', d entre os 34 orixinais presentados. A autora Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972), que xa ten outros premios no seu haber e que exerce profesionalmente no sector da restauración como propietaria dun restaurante no Val Miñor. A obra gañadora deste galardón conta como Isma, un rapaz de 13 anos, afronta o seu primeiro ano de instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que, en principio, semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas e mesmo de certo alivio, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade do alumnado e de certo sector do profesorado.

O xurado valorou o ritmo que a autora consegue manter ao longo de toda a novela e considera que Raquel Fernández "crea unha estrutura que nos fai empatizar, sufrir e, ao mesmo tempo, sentir esperanza co protagonista, pero que tamén nos permite coñecer, e mesmo chegar a comprender, os responsables da súa situación", din. Ademais sinala como na súa narración o xogo con varias voces dálle "unha inmensa riqueza á narración, e introdúcenos nun mundo común para os adolescentes: o día a día do instituto". Tamén sinala o feito de que o manexo da lingua e as continuas referencias a cómics e videoxogos fan de 'I'm Obélix' unha novela "completa e absolutamente atractiva para a rapazada".

'Milú e o edificio das persoas extraordinarias' Premio Merlín
Tamén foi unánime a decisión do xurado do XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil sobre as 34 obras presentadas. 'Milú e o edificio das persoas extraordinarias', escrita por Abel Tomé (Outes, 1984) conta a historia do neno Milú, que vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. Na mesma cidade hai tamén un grupo de persoas que cre que o país onde viven só lles pertence a elas e que os veciños de Les Marginaux non forman parte del polo simple feito de naceren noutros lugares do mundo. Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares.

Segundo o xurado, a través da ollada inxenua e desbordante de fantasía do neno narrador, "cun estilo cargado de lirismo e humor, unha narración rica en detalles, combinada co ritmo dunha acción ben tramada e cun mosaico de personaxes tan extravagantes coma tenros, a obra gañadora do Premio Merlín 2024 configúrase coma unha luminosa fábula social, con reminiscencias rodarianas, sobre o poder da imaxinación infantil para soñar un mundo mellor". Abel Tomé estudou xornalismo e xa gañou o premio Illa Nova de Narrativa con 'A Noite do Lobo' (2019). Hai só uns meses resultou tamén gañador do Premio de Novela Manuel García Barros por 'A noite do Oso'. Ademais, 'Liliam Strawberry e o paxaro da morte' (Xerais, 2023), foi a súa primeira incursión na literatura infantil, unha obra coa que xa quedara finalista do Premio Merlín en 2022.