Unha homenaxe o 12 de xuño lembrará a Dorothé Schubarth

Consello da Cultura, Museo do Pobo e Instituto da Lingua Galega organizan a actividade

Consello da Cultura, Museo do Pobo e Instituto da Lingua Galega organizan a actividade
O Museo do Pobo acollía na mañá deste 5 de xuño a presentación do acto de homenaxe que esta entidade, canda ao Consello da Cultura e o Instituto da Lingua Galega, lle van tributar a Dorothé Schubarth. A actividade, que "pretende ser un convite á festa e ao baile" será aberta a toda a cidadanía e pretende recoñecer "o papel central que a musicóloga e compositora suíza representou para a música tradicional galega", segundo explican as entidades convocantes, un traballo que a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, cualificou como "titánico e xeneroso".

O programa da xornada arrincará na mañá do 12 de xuño no Museo do Pobo cunha actuación a cargo de Felisa Segade na que a música estará acompañada por unha selección de músicas e fotografías do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade recollidas por Schubarth. A seguir, Antón Santamarina, que colaborou coa homenaxeada na compilación do Cancioneiro popular galego, ofrecerá unhas notas biográficas de lembranza do seu traballo. Diego Rodríguez, pola súa banda, profundará no traballo de Dorothé en Galicia en relación co apoio da Fundación Barrié.

Unha mesa redonda con Sergio de la Ossa e J. M. Pedrosa abordará o alcance do Cancioneiro e a súa importancia. Nunha segunda, moderada por Alejo Amoedo, Concha Losada, falará sobre "O traballo de Dora despois do cancioneiro: os arquivos das institucións" e Rebeca Carrera e Luís Costa, tratarán da actualidade, difusión e emprego da recolla musical en distintas contornas. A mañá rematará cunha sesión vermú a cargo de Caamaño e Ameixeiras, que ofrecerán unha selección de pezas sobre material recollido por Dorothé.

De tarde, unha terceira mesa redonda, con moderación de M. Xosé Fernández Cerviño, afondará no traballo de Schubarth máis alá do Cancioneiro. Na mesma, Lucía Cedrón comentará outros libros da investigadora, Carme Campo afondará na acción educativa e cultural no Museo do Pobo Galego e Alejandro Gándara tratará o cinema sobre a autora e o seu traballo. A mesa rematará cunha intervención de Antonio Reigosa titulada "Dorothé Schubarth, mestra da memoria".

Un intermedio musical no que Cástor e Félix Castro interpretarán un tema musical en lembranza de Dorothé, dará paso ao concerto de peche da homenaxe. O cuarteto Alicerces (Jorge Montes, Roberto Santamarina, María José Pámpano e Carlos García Amigo) xunto con Alberto Aneiros ao clarinete e Marcos Mato na percusión ofrecerán un concerto en que se inclúe unha peza clásica composta pola propia homenaxeada.

A coincidir con esta presentación, o Consello da Cultura incorporou a entrada correspondente a Schubarht ao seu Álbum de Galicia. O musicólogo Sergio de la Ossa escribiu a entrada da investigadora, que inclúe documentación sobre a autora e outros materiais. De la Ossa subliña no seu texto "a novidade da metodoloxía e dos conceptos que empregou" Schubarth nos seus traballos. "Nas súas investigacións sobre o canto de tradición oral en Galicia, Schubarth reflicte os principais tipos melódicos, trata en detalle a relación entre letra e melodía, describe xéneros musicais, lanza hipóteses sobre a evolución destes e sobre as conexións coa música do resto da Península e de Europa e ordena sistematicamente as melodías, o que permite o seu rastrexo", explica o autor.