Dúas novas obras achegan a figura de Luísa Villalta ao público miúdo

Oviravai complementa a publicación de O violino de Luísa cun espectáculo poético e musical

| Santiago. Redacción | Seccións: Día das Letras
Compartir:
Dúas novas obras achegan a figura de Luísa Villalta ao público miúdo

Continúan as publicacións arredor do Día das Letras Galegas que se lle dedica a Luísa Villalta, en particular aquelas dedicadas ao público infantil e xuvenil. Neste campo, a editorial Galaxia ten nas librarías O violino de Luísa, unha obra de Verónica Santalices con ilustracións de Lara Méndez que parte da figura da poeta para narrar un conto no que A Coruña perde a música e a poesía e a protagonista vive unha aventura para recuperalas.

En paralelo a esta proposta, o dúo Oviravai artellou un espectáculo poético musical co mesmo título que achegará a figura de Villalta ao público máis novo. Verónica Santalices e Federico Wellicki percorren mediante cancións a figura da homenaxeada e explican o significado do Día das Letras nesta montaxe.

Pola súa banda, a editorial Cumio acaba de presentar Sempre infinita. Eva Mejuto, con ilustracións de Bea Gregores, asina este volume que se presenta como "un álbum poético, un petisco da vida e obra de Luísa Villalta, narrada con palabras e imaxes desde as ondas do mar". O volume, de corenta páxinas e orientado a público a partir de oito anos, combina textos de Mejuto con "imaxes e palabras ás veces prestadas dos propios textos de Luísa Villalta".

Que che parece esta nova?
84 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Luísa Villalta, OVIRAVAI, Espectáculo, Verónica Santalices...