O público máis novo protagoniza os primeiros lanzamentos do ano sobre Luísa Villalta

Xerais publica o álbum ilustrado Luísa Villalta. Alma de violino e a biografía Luísa Villalta. Melodía de palabras

5/1/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: literaturaDía das Letras Galegas 2024
29 lecturas | Compartido 0 veces

Arrinca o ano no que Luís Villalta protagoniza o Día das Letras Galega e comezan tamén os lanzamentos editoriais arredor da autora. Desta volta Edicións Xerais é a firma máis madrugadora con dúas propostas dirixidas de xeito específico para o público máis novo. Deste xeito, María Canosa asina Luísa Villalta. Melodía de palabras, un repaso pola vida e a obra da homenaxeada orientado a persoas lectoras a partir dos once anos.
Segundo defende a presentación da obra, Villalta "foi unha visionaria, unha modernizadora da poesía e do teatro, pero tamén unha congruente defensora das nosas raíces e da nosa historia. Ademais de na literatura, destacou tamén na súa faceta musical como violinista: música e literatura conflúen na súa obra e conforman un estilo propio e orixinal". Canda a isto, o traballo docente e a loita pola igualdade e a xustiza fan parte deste retrato.

O outro lanzamento de Xerais é o álbum ilustrado Luísa Villalta. Alma de violino, con texto de Beatriz Maceda e Eli Ríos e ilustracións de Laura Suárez. De novo un percorrido pola figura que protagoniza este 17 de maio que convida a se mergullar "nalgunhas das palabras e das músicas que ela ceibou ao vento para achegarnos a unha muller tan polifacética como fascinante".

Universo culturagalega.gal