Triángulo de Amor Bizarro celebra vinte anos nunha xira cun repertorio decidido ao azar

A banda volve á formación de trío tras a saída do teclista e guitarra Zippo

A banda volve á formación de trío tras a saída do teclista e guitarra Zippo
Triángulo de Amor Bizarro
A coñecida banda Triángulo de Amor Bizarro está de actualidade por dous motivos: celebra este ano o vinte aniversario desde a súa formación e un dos integrantes do grupo, o teclista e guitarra Zippo, deixa o proxecto por iniciativa propia tras trece anos. Lamentando a súa saída o grupo segue adiante cos seus plans e xa como trío, formación que xa tiveron nalgún momento da súa traxectoria, veñen de presentar a xira de concertos coa que celebraran a súa efeméride, uns eventos que terán algo moi especial xa que o repertorio a interpretar en cada concerto de entre a súa discografía dependerá do azar.

Segundo veñen de explicar TAB nas súas redes sociais, a través dun xogo de cartas do Tarot, o trío, asignando a identificación de seis dos arcanos cos seis discos que teñen publicados oficialmente, sacará en cada concerto coa colaboración do público dúas cartas e interpretará os temas dos dous discos que coincidan con elas. Deste xeito o repertorio, aínda que poida haber coincidencias polo azar, será decidido nese mesmo momento e polo tanto único. Esa xira de vinte anos xa ten algunhas das súas datas confirmadas de outubro en adiante e a venda de entrada comezará o 10 de abril. A primeira cita será o 4 de outubro en Granada, posteriormente Bilbao e a primeira data en Galicia será o 10 de se mes en Vigo, pasando o 2 de novembro por Santiago de Compostela tras do cal terá ata tres noites seguidas en Madrid.