Os nove proxectos das Residencias Paraíso espallaranse por toda a xeografía

Xa se coñecen os nomes e asignación de espazos para desenvolver as propostas de artes do movemento

A oitava edición do ciclo de residencias artísticas de artes do movemento xa ten nomes dos proxectos destinatarios e asignación de espazos e contías, de tal xeito que se espallarán estas accións por toda a xeografía galega entre abril e outubro. En total son 9 residencias as elexidas de entre as 203 propostas á convocatoria as que reciben unha dotación total de 22.000 euros, entre 1.800 e 3.000 euros por proxecto para levar a cabo a súa residencia. O proxecto está impulsado polo Colectivo RPM co apoio da apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e das distintas institucións co-produtoras do programa: Concello de Lugo, Concello de Carballo, Concello de Pontevedra, Concello de Ribadavia, Concello de Vimianzo e Fundación Cidade da Cultura de Galicia. A listaxe de artistas que poderán desenvolver os seus proxectos en diferentes espazos destes colaboradores son: Sergio Marey; Fran Rodríguez & Brais Pombo; Ana Cotoré; Desgarradura; Noela Covelo Velasco & Élise Moreau; Cris Balboa; Lucas Damiani; José Ramón Hernández / Osikán - vivero de creación e Furia Sotelo pecha a lista.

O programa ábrese no novo espazo colaborador de Residencias Paraíso, a Casa da Cultura de Vimianzo. Alí, Sergio Marey levará a cabo unha residencia de creación para o seu proxecto 'Todo o mundo é contra min-eh' para a construción dunha peza performativa a partires do seu propio ensaio de investigación que publicou o ano pasado sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional galega. Unha reflexión sobre a importancia de mirar o folclore galego dende unha perspectiva queer, reinvidicando a nosa cultura popular como un espazo de liberdade. Xa no verán, a primeira das dúas residencias combinadas entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG en Santiago de Compostela acollerá o proxecto 'Do outro lado' dos creadores galegos Fran Rodríguez e Brais Pombo. Un proxecto cunha mirada ecoloxista a cabalo entre a linguaxe audiovisual e a escénica, na que afondar na tensión entre capitalismo, territorio e comunidade, coa revolta veciñal acontecida nos anos 80 na aldea de Traspielas (Fornelos de Montes) como pano de fondo. A continuación, a bailarina e creadora aragonesa Ana Cotoré será a segunda artista residente entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG co seu proxecto 'No necesito un nombre para ser mascota'.

No marco da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, desenvolverase unha residencia na Igrexa da Madalena co colectivo madrileño Desgarradura para o seu proxecto 'The miracle worker'. A artista galega Noela Covelo e a francesa Élise Moreau serán as artistas residentes do Pazo da Cultura de Pontevedra co seu proxecto 'En esta sala hay magia'. Un proxecto de investigación que indaga nos mecanismos do xénero da ópera cunha perspectiva experimental a partir da obra de 'A frauta máxica' de Mozart, e no que traballarán paralelamente nos campos sonoro e coreográfico. Por outra banda, O Vello Cárcere de Lugo será o espazo de residencia da creadora escénica Cris Balboa para o seu proxecto 'Sinte', no que autobiografía e música electrónica se mesturan nunha viaxe dende a fraxilidade á celebración. Asemade, O Vello Cárcere de Lugo, acollerá a investigación performativa 'Hydra' do creador uruguaio afincado en Lisboa Lucas Damiani. O investigador cubano afincado en Madrid José Ramón Hernández / Osikán - vivero de creación mergullarase no seu proceso de creación titulado 'Eyilá ashé ebbora - archivo vivo de resistencia' no Pazo da Cultura de Carballo. E para rematar, as residencias Paraíso chegan ao Pazo da Cultura de Narón con 'Sobre o extravío ou a arte de perderse' da creadora Furia Sotelo que volve a deixarse dirixir pola dramaturga Ana Vallés nun novo proxecto en formato solo no que estarán acompañadas pola músico Camille Hedouin (Mounqup) e a deseñadora de luz Laura Iturralde.