A RAG celebra o Día da Poesía dialogando con Celso Emilio Ferreiro

A Fundación Luís Seoane acollerá un recital poético-musical

Dez poetas de diferentes idades, que escollen versos de Celso Emilio Ferreiro para conversaren con eles a partir das súas propias creacións, explorando as relacións entre poesía e sociedade. Así será o acto co que a Real Academia Galega conmemorará o Día Mundial da Poesía, o vindeiro 19 de marzo, na Fundación Luís Seoane na Coruña ás 19 horas. Os poetas participantes serán Anxo Angueira, Rosalía Fernández Rial, Ana Romaní, Oriana Méndez, Chus Pato, Ismael Ramos, Alfonso Pexegueiro, Rafa Vilar e Marilar Aleixandre. A proposta escollida pola RAG xustifícase, segundo a coordinadora do evento, María López-Sández, pola conexión "coa tradición da literatura galega e tamén cun momento convulsivo a nivel global, marcado por dilemas éticos, bioéticos e conflitos bélicos nos que semella pertinente preguntarse de novo sobre “a potencia da palabra poética e a súa capacidade para erguerse como protesta e, talvez, aspirar a mudar as cousas". Sández lembrou a importante presenza da poesía social en Galicia, con figuras como Curros Enríquez, Ramón Cabanillas ou o propio Celso Emilio Ferreiro. O acto será transmitido en directo en liña.

Segue o evento