A revista de artes escénicas en Galicia, 'táboas', editada por Ainé Producións, vai xa polo número 4 da súa edición en papel, datado en xaneiro deste ano. A nova entrega coincide coa estrea da versión dixital da revista, coa que prevén falar do que pasa nos escenarios de todo o país con novos contidos cada semana. No formato papel, a revista ofrece nas súas 58 páxinas catorce pezas entre as que hai entrevistas e reportaxes. Abre este número catro cunha entrevista a dúas voces aos actores Touriñán e Perdomo, enfocada no seu novo espectáculo conxunto, 'Corentena'. A publicación entra tamén a percorrer a historia da creación e das representación do clásico do teatro galego 'Os vellos non deben de namorarse', de Castelao. Hai tamén espazo para entrevistar a Esther F. Carrodeguas sobre a súa obra 'Iribarne', poñer o foco no teatro universitario ou a escola de Circonove. Unha reportaxe amósanos o teatro Jofre de Ferrol no apartado de 'Xeigrafía dos Teatros Galegos' e ata dúas pezas aproxímanse á montaxe 'Sibaris'. Entre outros contidos. Ademais de poder acceder a cada unha destas pezas na versión dixital, xa está dispoñible tamén para descarga o número ao completo en formato PDF.