Dakidarría presentan o directo da súa conmemoración de vinte anos

O disco 'XX' recolle o concerto celebrado no festival Revenidas no que tiveron máis de 50 colaboradores

O disco 'XX' recolle o concerto celebrado no festival Revenidas no que tiveron máis de 50 colaboradores
Dakidarría
Os Dakidarría colléronlle gusto a gravar os seus directos conmemorativos. Se fai agora 8 anos a banda presentaba o disco en directo en formato CD-DVD 'De cuncas e de mar' (2016), co que celebraban os seus 13 anos de traxectoria agora o motivo foi a celebración o pasado ano do seu vinte aniversario que celebraron sobre os escenarios en cun concerto conmemorativo o 9 de setembro no marco do festival Revenidas en Vilaxoán de Arousa. Daquela noite sae agora "XX"( El Garaje Producciones), a gravación do directo onde inmortalizan aquela noite na que contaron coa colaboración de máis de 50 artistas, nun percorrido sonoro de vinta cancións e máis de dúas horas a través dos vinte anos de vida deste grupo do Val Miñor, referente na defensa da cultura popular e contestataria. Entre as colaboradoras deste traballo destacan figuras como Xurxo Souto, Tanxugueiras, Boikot, La Raíz, Mondra, ou High Paw.

O traballo sae en edición limitada tanto en formato vinilo (duplo vinilo edición Deluxe) como en formato CD duplo + Libro de fotografías, curiosidades e variedades. Ademais tódolos formatos Inclúen tarxeta con código QR para acceso a contido extra e exclusivo entre o que está a gravación en vídeo do concerto completo en Revenidas e tamén o concerto completo celebrado no festival Castañazo Rock, entre outras filmacións. Gabri (Cantante e fundador da banda) define o disco como “Unha pequena mostra do que aconteceu a noite do 9 de Setembro na celebración, xa non só do noso 20 aniversario, senón da situación actual da escena musical galega. Un disco para a esperanza, un disco que amosa o crecemento dun grupo dende que nace ata que consegue que a súa música sexa banda sonora da vida de xa varias xeracións. Un agasallo para toda amante da efervescencia musical galega dos últimos anos". A banda xa comezou unha extensa xira de presentación que os levará a multitude de lugares e da que xa anunciaron as primeiras datas e están a piques de presentar o documental inmersivo 'Seguimos en pé', onde amosarán a vida cotiá do grupo durante a xira do ano 2023.

Ligazóns