Sinsal publica as gravacións en cilindro fonográfico de artistas da pasada edición do festival

Os rexistros, realizados polo experto Aleks Kolkowski, pódense escoitar a través da páxina web de Sinsal Audio

Os rexistros, realizados polo experto Aleks Kolkowski, pódense escoitar a través da páxina web de Sinsal Audio
Captura do video de gravación da Sesión ao Dúo RUUT
Xa están dispoñibles en aberto as primeiras Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas durante a pasada edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia polo experto Aleks Kolkowski. Os primeiros audios pódense escoitar a través da páxina web da promotora do evento, Sinsalaudio. Ademais do rexistro da canción, Sinsal recolle tamén esta gravación en vídeo da man do cineasta vigués Álex Cancelo. Están dispoñibles as sesións nas que participaron Hatis Noit, Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Duo Ruut, Dal:um, Leenalchi ou AGD7. As Sesións San Simón forman parte das actividades paralelas do Sinsal, que cada verán se celebra na illa de San Simón. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente.