Dúas obras gráficas repasan a historia da SD Compostela e do RC Celta

Iván Suárez asina os debuxos de Campo de estrelas mentres Jorge Campos ilustra Historia visual do RC Celta

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Dúas obras gráficas repasan a historia da SD Compostela e do RC Celta

Están a chegar ás librarías dúas obras que mesturan a narración gráfica co fútbol. En Santiago, a SD Compostela presentou a banda deseñada Campo de estrelas a celebrar as tres décadas do seu ascenso á Primeira División estatal. A obra, que ilustra Iván Suárez, repasa a historia do club a adaptar o libro SD Compostela, 60 anos de sentimento branquiazul, escrito polos irmáns Lito e César Vila Baleato.

Campo de estrelas está a se distribuír de balde nas visitas dos xogadores do primeiro equipo a colexios e asociacións. Tamén se agasallará aos asistentes máis novos ao partido do 7 de xaneiro e a todas as persoas que merquen algún produto na tenda oficial do club durante as festas de Nadal. A obra está editada polo propio club de fútbol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Pola súa banda, tamén o equipo vigués por excelencia conta cunha nova obra que repasa a súa historia. Aira Editorial publica a Historia visual do RC Celta, unha obra con textos de César Cequeliños e debuxos de Jorge Campos. O volume combina ilustración e banda deseñada para facer un repaso pola evolución deste equipo a coincidir co seu centenario, celebrado en 2023.

Estas obras de temática futbolística súmanse á recente Irene, a porteira, obra na que Óscar Losada e Xulia Pisón repasan a historia dunha pioneira do deporte galego.

Que che parece esta nova?
95 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Celta, Jorge Campos, Banda deseñada, César Cequeliños...