A Fundación Moldes abre en Pontevedra cunha mostra antolóxica do pintor

Ocupa un andar do edificio da Xunta cedido por vinte anos

Ocupa un andar do edificio da Xunta cedido por vinte anos
Inauguración da exposición e do espazo da Fundación Moldes
Dende onte a Fundación Manuel Moldes ocupa o oitavo andar do Edificio da Xunta en Pontevedra, na rúa Benito Corbal. O presidente autonómico, Alfonso Rueda, presidiu acompañado de representantes de Deputación e Concello a inauguración da sede, que ocupará estas instalacións públicas por un período mínimo de 20 anos, segundo foi acordado coa Consellería de Cultura. O novo espazo para a fundación abriuse oficialmente coa inauguración da exposición antolóxica arredor da obra do pintor pontevedrés e membro fundacional do grupo Atlántica, 'Misterio + luz = Pintura <-> Vida' que desde este momento dispón alí dun espazo público para atender ao seu legado artístico e cunha clara función de conservación da súa obra, tamén de exhibición e difusión. Ademais das dúas salas que amosarán a súa obra, a Fundación Moldes, grazas ao apoio da Xunta de Galicia con esta cesión de espazos, tamén presenta diferentes áreas para a perfecta conservación das diferentes pezas de Manuel Moldes (Pontevedra, 1949-2017), tanto obras de gran formato como obras en papel ou gravados. Na fin de semana, e aproveitando a celebración na nosa cidade do Culturgal, procederase a presentar a Fundación Manuel Moldes, así como os seus fins e próximos proxectos, emitíndose un vídeo das instalacións realizado por Marcos Portela, quen xa asinou outros traballos audiovisuais arredor do pintor.

A exposición, que estará aberta ata o 30 de marzo de 2024, propón un percorrido polos diferentes momentos de quen foi unha referencia plástica galega nas últimas décadas, ata o seu pasamento en 2017, amosando as diferentes posibilidades expresivas que se pode atopar un creador ao longo da súa vida no desexo irrenunciable de establecer un elo coa súa contorna dende o seu taller, situado xustamente fronte a este espazo. Unha vez que remate o tempo desta exposición unha desas salas amosará de xeito permanente a obra de Manuel Moldes, coa posibilidade de ir modificando as obras alí presentes, mentres que a outra sala preténdese que acolla a obra doutros artistas que teñan así a posibilidade de amosar a súa obra nun espazo axeitado, tendo especial interese pola exhibición da obra de novos creadores, incidindo así no forte vencello que Manuel Moldes tivo sempre coa mocidade dende o seu papel de mestre na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O horario no cal se poderá visitar a exposición será o seguinte: Xoves e venres de 18 a 21 horas, e os sábados de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas.