O 37 Cineuropa chega coa comedia por bandeira

O festival, que se celebra do 9 ao 26 de outubro, galardoou a Luíz Zahera, Ana Torrent e João Canijo

Un total 117 películas e dous concertos conforman a proposta do festival Cineuropa, que celebra en Santiago a súa 37 edición entre o 9 e o 25 de novembro. O Concello compostelán acollía na mañá deste día 3 a presentación da cita, que nesta ocasión pon de relevo o cinema de comedia baixo o lema "Unha edición tola, tola, tola". O programa contará cun ciclo temático a reunir doce dos filmes deste xénero máis singulares da historia.

Na rolda da presentación déronse a coñecer os Premios Cineuropa, o primeiro dos cales foi para o actor Luís Zahera. Segundo sinala José Luís Losa, director do evento, na louvanza que asina no web do festival. "É un pracer apreciar este talento xa non consolidado senón desbordante, valorar que sexa algo así como o home de moda, recordando unha película de Méndez Leite que ten xa 53 anos, porque Zahera gañouno todo a pulso dende hai décadas". Segundo Losa, o de Zahera "é un talento que se deixou pulir ata chegar a ser unha forza da natureza. E que se expande en cada un dos seus traballos. Mídese xa con colosos do cinema francés como Marina Foy ou Denis Menochet".

O cineasta portugués João Canijo obtivo un galardón a recoñecer a quen Losa Considera "autor maior do panorama internacional" e que salienta como "autor de películas soberbias no seu tratamento do noir a pé de rúa ou de esquina", a demais e destacar o seu traballo con actrices. O director estará presente no programa co díptico Mal viver e Viver mal. "Afundirse en ambas as películas é unha das experiencias cinematográficas máis inmersivas desta tempada", asegura o crítico.

Ana Torrent, finalmente, obtén o terceiro galardón desta xeira, nun momento no que a actriz "pecha un círculo inaugurado hai medio século. Xunto a Víctor Erice, que a situou diante da cámara para que coñecese a poética e a fascinación das imaxes en movemento. Cincuenta anos despois de aprender que o cine era unha ponte de prata para fuxir de ásperas realidades, Ana Torrent asiste en Cerrar los ojos", o seu último lanzamento, "a outra verdade revelada: a pantalla aberta como sanación, como revivificación emotiva. A ese universo case místico retorna a actriz para concelebrar aquela súa infancia, agora recuperada, que conmoveu o mundo".

Canda a estes premios, o festival conmemora o nacemento do escritor e ex-Ministro de Cultura, Jorge Semprún, dúas veces nominado ao Oscar polos seus guións. Unha mesa redonda na que participará o director Costa-Gavras, con quen colaborou, ademais da presenza no programa de dez filmes baseados nos seus guións e a proxección do documental sobre o final do franquismoAs dúas memorias, que dirixiu Semprún, completan a homenaxe. A programación inclúe tamén ciclos especiais sobre a historia da democracia na Arxentina e sobre a ditadura pinochetista en Chile.

A sección oficial que se presentou este 3 de novembro inclúe firmas como as de Matteo Garrone, Aki Kaurismaki, Wim Wenders, Alice Rohrwacher, Ryusuke Hamaguchi, Justine Triet, Radu Jude ou Agnieszka Holland, a incluír filmes como Anatomie d’une chute, galardoado en Cannes, o premio do xurado en Berlín, Mal viver, e o León de Prata en Venecia Io Capitano.

A estas súmanse, no apartado Panorama Internacional os últimos traballos dos galardoados Tranh Ang Hung, Bas Devos, Ryusuke Hamaguchi ou Ali Ahmahzadeh. A sección de Novas/os Cineastas contará con doce fitas de diferentes países, a incluír O auto das ánimas de Pablo Lago Dantas, primeira película galega en participar na sección. DOCS Cineuropa, que proxectará seis filmes documentais, e Panorama Audiovisual Galego, que reúne cinco longamentraxes e quince curtas, completan as seccións oficiais do certame.

Alén das proxeccións, o programa conta con varios obradoiros de formación e concertos a cargo da Real Filharmonía de Galicia, a interpretar a banda sonora do filme Il gatopardo e mais da Banda de Música Municipal, que interpretará temas dos filmes mudos dos anos 20. O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, a sala Númax, os Multicines Compostela, o CGAC e a Zona C acollerán as actividades do programa.