A revolución que vive nos últimos anos a música de raíz galega está a pór sobre a mesa o potencial dos nosos sons para chegar a novos públicos. O éxito a nivel estatal de Tanxugueiras, a raíz da súa candidatura para representar a España no festival de Eurovisión 2022 marcou un punto de inflexión e cuestiona os límites destes estilos. Continuamos o repaso sobre o panorama galego neste campo a coincidir coa celebración da feira Womex na Coruña e en paralelo á serie de vídeos Crossing Borders do Consello da Cultura Galega.
O Festival de Benidorm de 2022. no que o tema Non hai fronteiras de Tanxugueiras apareceu como o máis votado polo público para representar España no Festival de Eurovisión, amosou o potencial que ten a música de raíz galega para chegar a novos públicos. Para alén do alcance xeográfico, o éxito desta proposta revelou a existencia dunha audiencia nova que aprecia estes sons, e que reafirma desde entón o seu interese nas multitudinarias actuacións deste trío de pandeireteiras tanto en Galicia como a nivel estatal.
Tanxugueiras. Fotograma de 'Borders and audiences'
Aída Tarrío, que compón o grupo canda ás irmás Sabela e Olaia Maneiro apunta que "o ano pasado foi incrible, tivemos moitísimos concertos. Este ano normalizouse un pouco máis, segue a haber moitos pero semella que a cousa está algo máis calmada". Desde a súa experiencia a chegar a espazos inéditos para a música de raíz galega, Tarrío apunta que "continuamos a asistir a todo tipo de eventos e cidades. Actuamos en Valladolid, que é un sitio onde a música tradicional galega non está moi arraigada, en Madrid ou en Ibiza, e vemos que a xente nos acolle moi ben. Ao tempo, continuamos a participar en festivais folk e foliadas, que era o máis habitual para nós".
Óscar Losada exerce como crítico musical, promotor e foi o creador, hai dúas décadas, dos Premios Opinón de Música de Raíz, ademais de ser autor de diferentes libros sobre o tema. Desde 2014 é membro do xurado internacional World Music Charts Europe, que elabora unha lista continental dos mellores discos de raíz cada mes. Sobre este fenómeno salienta que "Tanxugueiras amosaron que poden funcionar fóra de Galicia, fano moi ben, son moi grandes artistas e teñen ideas claras desde o comezo. Cada un dos seus discos é unha etapa diferente, e desde o comezo sabían que querían ser profesionais e apostaron por isto. Ogallá houbese máis casos así". Para Bieito Romero, fundador e líder de Luar na Lubre, grupo que leva en activo desde 1986 e marcou fitos de internacionalización da música galega, "sen dúbida estes fenómenos supoñen un tirón de motivación. Cando semellaba que todo ía de cu e costa abaixo xorden estas cousas que revitalizan todo o ámbito musical de raíz", asevera.
Creatividade
Malia a esa apreciación negativa sobre a situación sector, a nivel creativo Romero ten clara a boa situación dos sons de raíz en Galicia. "Onde antes había 20 grupos, agora hai 2000, con moita variedade. Entraron novas formas de entender a música que resultan moi enriquecedoras". Ao seu ver "na actualidade estamos a vivir o mellor momento en canto a formacións e a calidade". Da mesma opinión é Tarrío, quen considera que a música galega de raíz "vive un momento moi doce. Están a saír moitos estilos de música tradicional da man de artistas cunha calidade moi alta. Xente nova que está a armar grupos e a amosar que hai futuro convive con figuras non tan novas que continúan a traballar, a evolucionar e a nos ensinar aos que comezamos máis tarde. Agardo que esta situación continúe e sigan a aparecer grupos e artistas desta calidade. Penso que imos polo bo camiño porque cada día aparece unha persoa nova que fai unha cousa interesante e moi xenuína" salienta Tarrío.
Público
Fronte á explosión creativa, Romero sinala que "paradoxalmente é tamén dos peores tempos para que as bandas se poidan converter en profesionais e teñan unha proxección exterior. Non estamos nun dos picos de popularidade destas músicas, pero hai moito público", asegura. Coincide con el Óscar Losada, que apunta que "non penso que se estea a incrementar o público da música de raíz". Ao seu ver "funciona o fenómeno Tanxugueiras, por aí si hai un crecemento e é algo moi bo para as nosas músicas, de xeito indubidable. Pero logo, a ollar festivais e a nivel de escoitas, xa non falamos de discos, non se ve un incremento. O fenómeno concéntrase nelas e fóra diso, se hai un incremento, non repercutiu moito noutras formacións".
Fronte a esas perspectivas Tarrío considera que si se está a vivir un bo momento no interese por estes xéneros, "non só en Galicia senón en xeral. Nestes anos vemos que hai moito interese tanto entre o público como entre artistas, que xogan moito coa música tradicional da súa zona ou queren aprender. A nós moitos creadores pedíronnos que lles explicásemos o que é a música tradicional e de onde veñen as cantareiras". Advirte non entanto que esta evolución "é algo cíclico. Vese un interese global, pero ao mellor nun tempo deixa de existir. En Galicia hai anos deuse un bum con Berrogüetto, logo baixou algo e agora semella que comezou a rexurdir".
Á hora de valorar o impacto que o éxito do grupo pode ter sobre o panorama galego de raíz, Tanxugueiras teñen claro que "somos unhas de tantas. Antes ca nós había moitos artistas que abriron camiños, non só fóra senón tamén en Galicia. Foi o caso de Leilía, que puxeron as pandeiretas sobre o escenario e profesionalizaron este mundo. Tamén Xabier Díaz ou Mercedes Peón tocaron moito por Europa abriron camiños. Nós somos tamén persoas que axudamos a camiñar, pero do mesmo xeito que veu antes quen nos axudou e que outros virán despois. É unha cadea na que todos nos axudamos e onde nós somos unhas máis".
Óscar Losada. Fotograma de 'Borders and audiences'
Industria
Un dos elos máis importantes para difusión destes estilos, unha industria que aposte polos grupos, invista e lles dea visibilidade, non conta en Galicia cunha grande forza. Para Losada "en Galicia a industria musical é unha industriña", apunta. "Paréceme que a situación actual complica moito a vida dun grupo novo, pode resultar máis difícil sacar a cabeza agora. Mesmo que che poida escoitar máis xente, hai tantas propostas que é difícil chegar". De xeito similar, para Romero "a día de hoxe non teño claro que haxa discográficas neste ámbito en Galicia. Tampouco vexo grandes firmas que estean a apoiar e a facilitar o traballo da xente que fai música no noso país".
Detrás desta falta de industria aparece a propia dinámica do mercado, que dificulta que se desenvolva o interese empresarial polos estilos de raíz. Para Romero "a música en xeral non vende, e a galega en particular tampouco. Quitando casos excepcionais, o éxito comercial é moi limitado. Eu entendo que a xente se resista a apostar pola música de raíz porque perder cartos non anima", asegura. Como unha das pezas para a consolidación profesional do sector, o líder de Luar na Lubre apunta a febleza do mercado interno. "Non existe unha militancia cultural detrás que permita sustentar unha industria. Noutros lugares a música, os libros e a cultura local teñen un sustento popular que aquí non existe".
Fronte a esta consideración, Alberto Balboa, Director do Festival Internacional do Mundo Celta pensa que noso país é "unha potencia" en canto ao tecido social que soporta a súa cultura e música tradicionais, un soporte que para el é base tanto no consumo como na dinamización da escena. "En todos os lados hai agrupacións" vencelladas á raíz "ou bandas de gaitas que se poden implicar en pequenos festivais, e iso é o que dá pé a manter toda a estrutura posterior. Eu lembro da crise económica de fai dez anos, cando moitos festivais desapareceron porque estaban apoiados polos poderes públicos pero non tiñan raizame social. Nese aspecto Galicia ten moito que gañar". Este tipo de organizacións funcionan tamén como espazos de creación de público. "Ultimamente estamos asistindo a que nos concertos tradicionais a xente danza na zona do público, iso fai anos que non pasaba. Empezou hai uns anos e iso demostra que fóra dos festivais e das actuacións a xente fai baile, toca a pandeireta, canta e traballa en agrupacións culturais, Todo iso é un produto de moitos anos e unha consecuencia que nos di que hai que seguir aí porque xente está participando e iso está funcionando, que gusta".
Bieito Romero. Fotograma de 'Borders and audiences'
A resumir a situación, Romero asevera que "agora mesmo vemos que o interese polas músicas de raíz é alto se non hai que pagar por elas. Nese caso pasa a ser un interese regular tirando a baixo", explica. "Existe público pero está afeito a que todo sexa de balde. Ese é o caso da práctica totalidade dos festivais folk, e isto non pode ser. Os músicos, pero tamén a xente que traballa na organización, ten que cobrar e profesionalizarse para facer as cousas ben", reivindica.
Das discográficas á autoxestión
"No seu día as multinacionais apostaron por Milladoiro ou por Fuxan os Ventos porque vendían, pero iso xa non existe", lembra Losada a situación nos anos 70 e 80 para a música de raíz do país. Do mesmo xeito, a propia experiencia de Luar na Lubre, que despegou a nivel internacional logo de que Mike Oldfield fixese unha versión do seu tema O son do ar en 1996, amosa as mudanzas neste campo. "O ter gravado cunha compañía multinacional como Warner impulsou moito a nosa música", lembra Romero. Cando fixemos con eles Plenilunio (1997) contaban con vender entre 10.000 e 12.000 discos e foi unha sorpresa chegar case aos 100.000" lembra.
Desde entón, a situación mudou moito, e a falta de apoio das discográficas e a mingua na venda de discos produce, ao igual que noutros xéneros, unha especial dependencia das actuacións ao vivo para as formacións musicais destes estilos. "A estrutura que había arredor do álbum non deu os pasos para se transformar. Iso é algo que tamén acontece fóra, os discos xa non venden e os ingresos son diferentes, non hai a mesma rendibilidade", explica Losada. Tamén Romero, a partir da súa experiencia, recoñece que "a música deixou de vender, pasamos a traballar máis directos e outras propostas", unha liña que lles permite seguir en activo. "Aínda que a finais dos 90 vendiamos moitos máis discos, as nosas xiras máis importantes foron a previa á pandemia ou a de 2021-2022, tocamos moitísimo. Este ano preséntase tamén moi ben coa xira do novo traballo, Encrucillada", sinala. En xeral, asegura, "conseguimos encher por onde imos, e iso danos tamén certa autonomía. A nivel discográfico "xa non estamos con Warner, facémolo todo pola nosa conta". Unha carreira de fondo como esta, excepcional na música galega. "Supón moitos equilibrios, probar cousas, entender o que sucede no panorama musical e tamén compatibilizar o traballo da música con outras cousas que axudan á economía diaria", recoñece Romero.
Na mesma liña, Tarrío apunta que "agora hai moitísima autoxestión por parte dos grupos" á hora de producir e gravar os seus discos, e as propias Tanxugueiras resultan un exemplo neste sentido. "Cando vas medrando podes conseguir algo de axuda para desenvolver os proxectos, pero no momento en que máis o precisas, que é cando comezas e non tes un remanente para botar man é onde falta esa confianza por parte dunha discográfica. Hai excepcións pero polo xeral non se atopa. Nós para lanzar o noso primeiro disco tiramos dos nosos aforros e quedamos coa conta a cero", recoñece. Con esta perspectiva, para Tanxugueiras, "nun grupo non cobras só por actuar un día, hai moitos gastos por detrás. Sobre todo para os grupos que se autoxestionan. Se queres subsistir da música cómpre conseguir remanentes económicos que permitan investir para ter máis calidade e conseguir que o proxecto sexa rendible".
Festivais
Desde xeito, os circuítos de música ao vivo aparecen como os espazos clave para a supervivencia e a proxección destes estilos. Encol dos espazos que existen no noso país para as artistas de raíz, Tarrío destaca que "hai moitísimos seráns, foliadas e festivais folk, e penso que un grupo pode subsistir nese circuíto", aínda que non sen dificultades e a contar cunha alta dose de precariedade. "Acontece que moitas veces valórase máis o de fóra e non lle damos o mérito que se merece ao que se fai aquí. Entón pódese considerar moi alto o caché dun grupo galego e tentar reducirllo, ou quedar relegado fronte a artistas foráneos". De calquera xeito "eu penso que si é posible vivir da música tradicional en Galicia. Existe circuíto pero cómpre cobrar uns mínimos".
Aos ollos de Losada, no panorama de festivais galegos "resisten citas clásicas como Pardiñas, Moeche ou Zas, pero non se renovan moito e mesmo algúns desapareceron". De xeito similar, Romero apunta que "a nivel galego os grupos van funcionando. O circuíto de festivais que hai en Galicia ben xestionado daría para moito, pero habería que se coordinar e ordenar o xeito de traballar". Cunhas críticas similares, Losada sinala que "salvando as grandes citas, faltan estruturas máis profesionais. Hai moito voluntariado e cómpre unha perspectiva máis profesional, poder fechar os carteis con máis tempo" asegura Losada. "Está Ortigueira, que consegue recursos económicos e logo moita xente que lle pon ganas pero non ten cartos. En Moaña co Festival Intercéltico do Morrazo deron unha volta moi interesante e manteñen un programa de calidade e diferenciado, mentres noutros festivais de raíz seguimos con nomes de bandas de hai 20 ou 30 anos que son clásicas".
Para Romero neste ámbito "non se trata de que se creen máis citas, o importante é que e manteñan con certa calidade as que xa existen. Aqueles festivaus que están asentados gañaron calidade, algúns precisarían algún reseteo pero en xeral continúan e ata me parece que nacen algúns novos". Nese sentido as citas con que conta este sector "non son comparables en magnitude a aqueles festivais doutras características que naceron amparados por institucións e que conseguiron moito máis impacto mediático, que é moi importante para estas cousas".
A estacionalidade destes circuítos marca en grande medida as posibilidades de expansión das propostas galegas de raíz. "Funcionan ben no verán pero debería haber tamén citas deste tipo no inverno" sinala Bieito Romero. Nesta mesma cuestión incide Losada ao sinalar que, fóra dos festivais "dáse unha perda de programacións. Na Coruña había un ciclo de músicas de raíz ao longo do ano, e en Compostela o Sons da Diversidade, e nos dous aparecían propostas que abrían o campo, bandas que viñan por vez primeira a Galicia, achegaban espectadores este mundo e tiñan público. Non teño cifras globais pero semella que se programa menos. Só con propostas como estas pérderonse case unha vintena de actuacións ao ano. Desde logo non se está a programar máis do que hai uns anos nin penso que se vaia facer".
Presenza
A procurar as causas desa relativa febleza de público no mercado interno, Romero considera que "en xeral á música de raíz galega fáltalle ese tirón que lle permita encher. Para iso é moi importante estar nos medios, e non hai medios de comunicación que traballen e potencian esta música. Escóitanse poucas cancións de música galega nas emisoras de aquí, e na televisión moito menos. Hai algunhas actuacións puntuais pero non programas onde se potencie de xeito claro e aberto estes sons. Cómpre concentrar as forzas, pelexar e reivindicar estes espazos que nos corresponden. Ninguén está a facer ese traballo tan necesario". A compartir esta perspectiva, Losada apunta o seu pesimismo sobre a proxección pública destes xéneros dentro do país. "A música de raíz aparece en poucos sitios. Hai escasa presenza en medios de comunicación con entrevistas e informacións cando aparecen novos traballos".
No mesmo sentido vai a perspectiva de Tanxugueiras. "Non é que esta música non lle guste á xente, é que está moi escondida. Démonos conta que moita xente nos escoitou a nós e logo achegouse a Baiuca, a Xabier Díaz ou ás Lagharteiras e encantáronlle", lembra Tarrío. De cara a mellorar a situación, reivindica que "tanto a música tradicional como a galega en xeral debería ter unha maior cabida na TVG. Vexo que hai programas moi chulos, por exemplo, de gastronomía, e no medio meten cancións dun grupo de fóra, cando poderían meter tamén temas de aquí" e lembra o que foi un referente neste sentido. "Un programa como Alalá era impresionante, moita xente nin sabía o que era unha recollida e este proxecto deu a coñecer moitos grupos e abriu un abano de posibilidades incrible". Canda a isto, reivindica tamén "unha maior presenza da música tradicional nas festas de aldea, en festivais doutro tipo e en xeral un pouco máis de visibilidade".
Proxección internacional
"Se queremos grupos profesionais non chega co mercado galego para que vivan. Para gañar un salario mínimo moitos dan clases e combinan a carreira musical con outras cousas. Profesionais hai poucos, e unha maior repercusión a nivel estatal e internacional iría moi ben para o sector" asegura Óscar Losada. Fronte á precariedade no interior, este crítico considera que o alcance da música de raíz galega de cara a públicos foráneos non minguou. "Na actualidade non me parece que neste ámbito retrocedese. É certo que no seu día Milladoiro tivo moita aceptación, e actuaba nos mellores teatros das cidades que visitaba. Agora Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Budiño continúan a ter actuacións fóra, aínda que menos do que naquel bum", apunta. Non entanto recoñece que "faltan coñecemento e espazos onde difundir este tipo de música". Nesa mesma liña, Romero salienta que "o grande problema é tocar no resto do Estado e no exterior. Galicia aínda non está no mapa para a maior parte da xente de fóra de España. Cada vez que saes tes que explicar que estamos nun lugar no final do Camiño de Santiago para que teñan a referencia".
Para as Tanxugueiras, o noso patrimonio musical resulta "tremendamente exportable. É algo que so existe aquí e que se fai moi exótico para a xente de Europa porque temos unhas sonoridades e un ritmos moi xenuínos. Moitos encasíllannos en que somos celtas, pero a min paréceme que as cantareiras temos de celtas o que eu de rubia. A primeira vez que fomos a Glasgow agardaban unhas voces finas e líricas, máis similares ao folk de alí. E chegamos nós que despeiteamos a xente e alucinaron. Temos o privilexio de ter ido tocar á India, a Bélxica, a Suíza ou a Cuba, e vemos que a xente quedou encantada e que nos seguen desde alí".
Nese sentido, considera que "o resto de Europa está máis preparada para descubrir cousas novas do que a xente de aquí, viven a música doutro xeito. Pero en xeral a música galega ten algo que chega con facilidade, e á hora de dala a coñecer fóra e exportala pode ser algo moi sinxelo pero precísanse axudas e asistir a festivais", sinala esta compoñente de Tanxugueiras. Nese sentido "o Womex é unha ferramenta moi chula porque podes chegar a moitos promotores e a espazos aos que non chegarías doutros xeitos".
De novo a necesidade de políticas activas de apoio ao sector aparecen como unha reivindicación. "Alguén fai algo serio pola promoción internacional da música de raíz en Galicia?", pregunta Losada. "Non penso que ata o momento se desenvolvesen medidas que fosen especialmente positivas de cara á internacionalización do sector. O caso das Tanxugueiras amósanos que se alguén ten o palco axeitado para amosar o que é, como foi o seu caso co de Eurovisión, chama a atención dez veces máis do que o facía ante. Pero a cuestión é onde está ese micrófono para que che escoite o mundo".
Cantar Galicia
Da experiencia de Luar na Lubre para chegar ao público, Romero salienta a aposta por facer da música un vehículo de presentación da cultura do país. Nese ámbito xurdiron traballos como Saudade (2005) coa temática da emigración, Vieiras e vieiros (2020) sobre os camiños a Santiago, Solsticio (2010), que afonda na lírica medieval ou Ribeira Sacra (2018), sobre esta comarca galega. "Cada un destes discos ten unha temática. Sen chegar a ser conceptual, conta coa súa historia e particularidades. Agora xa non é só cuestión da música, senón tamén das historias que contas. Dentro dos nosos espectáculos hai unha parte importante de narración e a xente a alucina, fican fascinados".
Deste xeito, a música de Luar na Lubre convértese nunha vía para achegar diferentes elementos do patrimonio inmaterial galego ao público. "A música permite proxectar o noso idioma e diferentes formas da cultura e facer que todo sexa moito máis doado de dixerir. Nós facémolo desde a nosa propia perspectiva sobre Galicia, que ao mellor non é igual á que poden ter outras entidades ou institucións. Penso que isto é unha clave, un dos grandes logros da música é chegar a moita xente de calquera lugar da Península e do estranxeiro e poder contarlles as nosas historias". Este potencial para presentar Galicia a través da música está tamén claro para Losada. "A música é capaz de chegar á xente e de provocar cousas únicas. Co deporte é o que move máis xente no mundo, son dous fenómenos que conseguen mobilizar a milleiros de persoas nun único momento, e isto débese ter en conta á hora de lle dar valor á música dentro da cultura galega. Ten un potencial para proxectar o país difícil de igualar con outros medios como o libro. E danse pasos, pero en xeral son iniciativas que fican moi esluídas, hai que pór cartos e desenvolver accións firmes".
Música Celta
Romero reivindica a importancia histórica que a etiqueta "música celta" tivo na configuración da música de raíz galega ademais de sinalar o seu potencial na actualidade. "Supuxo unha marca moi acertada que identificou no seu momento a música que se fai nun ámbito de determinadas culturas. Esta forma musical, inspirada por bretóns, irlandeses e escoceses, chegou aquí con forza e abriu moitas portas. É un xeito de facer ao que nos incorporamos xa nos anos 70 coa fusión dos cantautores coa música tradicional. Fixémola propia e marcou un xeito de traballar que levou a nosa música ás maiores cotas de internacionalización da súa historia. A Luar na Lubre desde logo serviunos".
Así, nos anos 90 e comezos e primeiros 2000, unha vaga de artistas do país conseguiron unha proxección inédita ao abeiro desta marca, e deixaron un pouso que, para o líder de Luar na Lubre, continúa a se sentir. "Grazas ao folk celta está a acontecer o que acontece na música galega. O grande fenómeno da música de raíz galega veu a través dese xeito de facer música.
Recoñece non entanto Romero que aquel bum "foi un xigante con pés de barro. Déronse determinadas circunstancias que o favoreceron, pero debaixo non había sustento para se manter e ter proxección de cara ao futuro". De calquera xeito, para este músico o potencial deste estilo continúa activo e permite aproveitar as sinerxías, públicos e circuítos que o estilo desenvolveu a nivel internacional desde os seus núcleos orixinais. "Temos que entender que a música celta é un xeito de nos achegar a outros lugares e proxectar a nosa cultura. Podemos debater se a nosa música e máis ou menos celta, e é certo que dentro deste panorama non deixamos de ser exóticos. Pero ese é un potencial que deberíamos aproveitar, supón unha plataforma que ten impacto en todo o mundo".
Aínda que na actualidade este estilo de músicas de raíz non mantén o impacto que tivo en décadas pasadas, mantense vivo en Galicia. "Paréceme que agora non hai menos manifestacións deste estilo, ata me parece que hai máis. Teño un programa de radio e chéganme moitas propostas deste tipo. Pero si é certo que antes conseguían un maior impacto. Perdéronse referentes importantes pero hai unha porcentaxe importante de bandas que traballan nestas coordenadas", asegura Romero.
Permeabilidade
O acceso a novos públicos que, por idade ou por non facer parte do nicho habitual, ficaban excluídos da música de raíz, preséntase como unha das novidades do panorama para estes estilos. A posibilidade de ampliar a base de mercado para as formas sonoras que parten do tradicional revélase como unha oportunidade crucial para o desenvolvemento do sector. Tanxugueiras e outras formacións que apostan pola fusión do tradicional coa electrónica ou con outro tipo de sons aparecen como punta de lanza neste movemento. Nese sentido, Óscar Losada apunta que "antes o sector estaba moito máis compartimentado, agora hai público ao que lle gusta todo, o tradi, o folk ou o experimental dentro da raíz. E logo pode gustarlle ata o blues ou outro tipo de raíces". En relación a esa maior permeabilidade do público, sinala que "os festivais de pop e de rock están a ser moi eclécticos nas súas programacións e achéganse a outros sectores".
Esa perspectiva de transversalidade e de non fechar a público e circuítos en xéneros concretos aparece como unha constante nas Tanxugueiras. "Semella que hai unha tendencia nos encasquetar etiquetas e meternos en nichos musicais. Nós descubrimos que cunha pandeireta podes mover a xente e que desfrute igual nun festival mainstream como é o Río Babel de Madrid o mesmo que en eventos moito máis folk como o Intercéltico de Moaña, a tradición ten cabida en todos os espazos" asegura Tarrío. "É como entrar nunha tenda de roupa e que haxa prendas para homes e para mulleres, no canto dunha única sección con roupa". Recoñece non entanto que "eu se atopo un grupo folk dun deses festivais mainstream non me parece raro e desfrútoo, pero a outros pódelles parecer raro". Na mesma liña se pronuncia Losada, a apunta que "hai propostas no campo da raíz que poderían funcionar perfectamente neste tipo de circuítos, integrarse con bastante naturalidade, se non para fechar un festival, si no medio doutras actuacións".
Tamén Luar na Lubre lembra a súa presenza en espazos pouco habituais para o folk. "Temos tocado en festivais de músicas do mundo ou mesmo de rock. Sempre digo que o folk é tan moderno como o rock, aínda que con moito menos impacto mediático. É música que se crea no mesmo momento e en coordenadas similares. Entre Deep Purple e Luar na Lubre as maiores diferenzas están nos instrumentos e na promoción", asegura Romero. Tarrío coincide con Romero en reivindicar a actualidade destes estilos. "Son músicas que sempre resultarán modernas porque ao final supoñen o noso fogar, o lugar do que vimos, e sempre nos gusta voltar á casa".
Encol de se resulta necesario adaptar a tradición para chegar a novos públicos, Tanxugueiras consideran que "a nosa música tradicional máis pura ten potencial para ser escoitada e apreciada por todo o mundo". Non entanto, recoñecen que "aínda que cada vez menos, continúa a existir o prexuízo de que é para persoas maiores". Deste xeito apuntan que "á xente máis nova éntralle moito mellor se adecúas esta música aos seus tempos. Sabemos de moita xente se meteu a tocar a pandeireta ou escoita grupos de pandeiretas grazas a ter escoitado Tanxugueiras ou outros grupos que meteron na tradición sons máis recoñecibles para estas xeracións e abríronlles aí un mundo de posibilidades dentro da música tradicional".
1 / Borders and audiences / Galician Trad Music: Crossing borders