Novos espazos sonoros para un legado

No marco da 'revolución das pandeireteiras' o trad vese impulsado por artistas con ganas de experimentar cos estilos dándolles nova vida e usos ao legado musical

No marco da 'revolución das pandeireteiras' o trad vese impulsado por artistas con ganas de experimentar cos estilos dándolles nova vida e usos ao legado musical
Actuación de Baiuca. Foto: Video Crossing Borders. Consello da Cultura Galega
Baiuca, o proxecto de música electrónica detrás do que está Alejandro Guillán (Catoira, 1990), é a máis recente representación de música galega na selección oficial internacional do WOMEX (Worldwide Music Expo), o máis importante encontro mundial de música folk e de raíz, que ten lugar na Coruña do 25 ao 29 de outubro. Baiuca foi seleccionado polo xurado profesional internacional da edición deste ano, pero mirando cara atrás, a primeira representación da música galega nesa selección oficial do WOMEX foi a de Mercedes Peón (Oza dos Ríos, 1967) no ano 2010 en Copenhague. Entre estas dúas presenzas podemos trazar unha liña ascendente destes 13 anos na que, sen renunciar á herdanza dos sons tradicionais, a escena musical galega despregou cada vez máis a súa creatividade, cruzando limitacións, transgredindo supostos formais e experimentando con liberdade e intención.

No mes de marzo do ano 1975 tivo lugar en Santiago de Compostela o 'Festival Folk Galego', unha resposta desde os escenarios aos tempos políticos. Aínda faltaban 3 anos para a fin do réxime franquista e para a celebración da primeira edición do Festival de Ortigueira. No seu libro "De voces ceibes a Milladoiro" (Ed. Galaxia, 2013), o músico Antón Seoane recoñece que alí comezaban a verse xa feituras dun cambio musical que estaba por comezar no relativo a identificación da actitude reivindicativa coa cultura popular. "Cando soaron as gaitas houbera un importante e significativo aplauso: por fin! Xa era hora! Alí estaban! No país nunca deixaran de estar; pero agás excepcións, había unha fonda distancia entre a intelixencia e mozos máis concienciados e o tesouro da nosa música tradicional". Ademais dunha clara intención de actuar desde o musical cun sentido político buscábase tamén chegar aos espazos da modernidade, aos públicos xuvenís que estaban interesados na actualidade musical, ao crecente mundo urbano daquel país en evolución.

Aquel evento, o máis multitudinario da súa época reunindo a cinco milleiros de persoas no Pavillón Polideportivo do Sar, foi tamén o da entrada na cultura das cidades das músicas habituais dun hábitat rural que entón xa comezara a súa despoboación. Durante esas migracións interiores e desmantelamentos da vida rural, as persoas de maior idade con menos tendencia ou posibilidades de deixar os pobos e aldeas, eran as que mantiñan esa cultura tradicional na que a música e o baile tiña un papel social insubstituíble e nas que eses sons tiñan o seu verdadeiro sentido como unha creación colectiva, un transo compartido, sen escenarios.
Mercedes Peón
Mercedes Peón. Imaxe do video Crossing Borders producido polo CCG

Da creación colectiva á individual
O termo "creación colectiva" aplicado á musica e o baile tradicional galego comeza a usalo Mercedes Peón: "Sería o que ten lugar nesas aldeas", di ela, "Cando falamos de creación colectiva hai que entender que esa xente era compositora o que pasa é que o facían coa xenerosidade de compartir, e non había ningún tipo de transacción comercial simplemente de pracer e o desexo non estaba mediatizado polo exterior, senón que eran os seu propios desexos. Agora que estamos tan atravesados por cousas externas, que non sabes se o desexo é o teu propio ou vén dado polo que che machucaron a cabeza os medios de comunicación desde pequerrecha, esas expresións son un agasallo dos deuses". A artista, que comezou aos 13 anos facendo recollidas de campo polas aldeas e vilas, fíxose popular antes de sacar discos propios ao participar durante 8 anos como colaboradora fixa no programa Luar da Televisión de Galicia, levando unha sección na que amosaba xustamente os froitos dese traballo de campo, as músicas e bailes atopados polas aldeas do país. Ao longo de case trescentos destes programas de máxima audiencia en Galicia, Peón devolvía a través dos televisores aquilo que lle fora dado dun xeito o máis achegado posible ao orixinal, é un momento do seu percorrido artístico no que ela se define como "tradicionalista".

"O tradicionalismo é unha ideoloxía e como ideoloxía quere manter estática certas formas da tradición", asegura Mercedes, "eu ás veces son tradicionalista, por suposto que si", asegura e indica sobre os seus inicios, "Eu estaba colocada nun lugar de amor profundo e de autoestima cultural coas señoras tocadoras que eran a grande cultura galega omitida e as persoas que non tiñan voz. O dominio masculino era absoluto e a aldea deostada completamente, non tiñan voz", afirma Mercedes.


Isué, e a individualidade
Daqueles 25 anos de recollida e traballo apegado á tradición e a linguaxe desta, xurdiu o que sería o seu primeiro disco, "Isué" (Resistencia, 2000), un traballo recoñecido a nivel global que causou un enorme impacto. Foi número un World Chart Music Europe, e a revista especializada Folk World incluíu o álbum no seu "Top ten" internacional do ano no segundo posto da lista dicindo sobre el: "Neste álbum as tradicións non se presentan dun xeito puro, ela combínaas con sons modernos e influenzas doutras rexións. O disco é unha xenial mestura nalgún lugar entre a música tradicional galega e a moderna con moitas influencias".

BAIUCA: "MERCEDES É UNHA AUTÉNTICA PIONEIRA NA EXPERIMENTACIÓN COA NOSA MÚSICA. NESE ÁMBITO É INCRIBLE O QUE APORTOU E SEGUE A APORTAR E CREO QUE XUSTAMENTE TEN ESE PUNTO DE INNOVACIÓN E DE NON TER MEDO A FACER PROPOSTAS ARRISCADAS SEN PENSAR NO PÚBLICO E EN COMO REACCIONARÁ Á XENTE"

A vixencia de "Isué" creceu neste tempo co que se está a facer desde entón na música do país, "Se o edito hoxe está na liña total", confirma Mercedes. No relativo ao momento da súa creación a artista recoñece unha procura concreta, unha intención declarada cun posicionamento que construía algo novo sen perder o seu cerne: "a miña intención era buscar, igual que hai en Xamaica o reggae, un estilo, un tipo de contemporaneidade onde non perdera enerxía aquela bestialidade das aldeas. Estaba nesa procura tamén porque me daba moitísimo pracer e eu sempre traballei a través do pracer no senso sonoro para decidir se vai unha cousa ou outra". O que fixo nese disco Mercedes Peón, e leva facendo desde entón, é a representación tamén dunha pulsión na que, aínda que está presente unha identidade formada no colectivo, a toma de decisións e intencións é absolutamente persoal: "Só cando realmente precisei expresarme na miña individualidade e no meu sentido político foi cando saquei o meu primeiro disco. Para explicarme: quen me deu esta persoa que son foi a miña aldea e os lugares que fun a visitar, a xenerosidade de todas esas persoas e a explosión creativa de todas esas xentes. Iso a min marcoume amorosamente, socialmente e musicalmente pero non foi o motivo polo que me puxen a compoñer, iso foi unha pulsión persoal e política. Isué foi a explosión dunha chea de anos, pensando, compoñendo, sabendo o que quería facer con esas melodías e eses arranxos, que teñen un pouso moi grande de anos e anos".

A influencia do disco na música galega profesional que veu despois foi definitiva, pero con todo foi no seu segundo disco "Ajrú" (Discmedi, 2003) cando o son dá un paso máis profundo e experimental vencellado a unha das cuestións que máis teñen influído na música deste século: a posibilidade de acceso doado e barato a ferramentas dixitais de son e gravación. "O cambio fundamental é que eu me poño a compoñer con ordenador, empezo a traballar con tecnoloxía", confirma Peón, "ao traballar con electrónica, o son muda. Anteriormente fixera cousas pero non tiña eu as ferramentas, o que mudou foi facerme moito máis autónoma con elas, todo moito máis barato, sen alugar estudos de gravación e ademais podes manipular os sons. Foi o motivo polo que existen esas outras sonoridades". Nese momento xa estamos a falar de creacións individuais, non tradicionais colectivas, por que iso só pode darse, segundo ela, nuns micro-habitats de vida comunal que xa non existen. Pero estas creacións individuais están empapadas dunha linguaxe que ven do colectivo e é compartida por el, e aí a creadora defínese como "autora compositora de autoestima cultural", unha posición política que ten que ver cunha intención de "descolonización". Outros tres discos propios, ademais de bandas sonoras e "performances", son os froitos desa actitude creativa e descolonizadora, e con eles Mercedes foi benvida por escenarios e eventos de todo o planeta, acadando unha sona global e incluíndo alén das pandeiretas, instrumentos analóxicos e eléctricos, bases electrónicas, sons industriais e calquera tipo de ferramentas posibles para a súa expresión musical.


A exploración dos espazos sonoros
"As propostas máis experimentais suman sempre e serven para enriquecer o panorama musical", opina o xornalista e crítico musical Óscar Losada, creador e exdirector dos Premios Opinión de Música de Raíz. Para el Mercedes Peón é un caso claro de evolución dentro dese ámbito e unha artista que segue a abrir espazos sonoros novos: "Foi única no seu primeiro disco e segue a ser única e inimitable na súa evolución estilística". Dun xeito aínda máis contundente exprésase Alejandro Guillán (Baiuca) ao falar dela: "creo que é unha auténtica pioneira na experimentación coa nosa música. Nese ámbito é incrible o que aportou e segue a aportar e creo que xustamente ten ese punto de innovación e de non ter medo a facer propostas arriscadas sen pensar no público e en como reaccionará á xente", asegura. Guillán está gozar dun magnífico momento tras do seu segundo disco "Embruxo" (Raso estudios, 2021) co que gañou os premios a Mellor Gravación de Música Electrónica e de mellor álbum en idioma galego dos XIV Premios MIN da música Independiente e que defendeu estes anos en festivais e espazos do máis diverso.

BAIUCA: "A MIÑA MÚSICA TEN UNHA IDENTIDADE GALEGA E A TRADICIÓN GALEGA ESTÁ MOI PRESENTE, PERO A FORMA DE EXECUTALA E COMO O FAGO TEN MOI POUCO DE TRADICIONAL NIN SE PRETENDE, NON PRETENDO DAR UNHA VISIÓN PURA DA NOSA MÚSICA, EMPREGO OS ELEMENTOS DA NOSA TRADICIÓN PARA LEVALOS Á MIÑA ACTUALIDADE"

"Recordo con 18 ou 19 anos ter esa idea na cabeza de preguntarme que pasaría se xuntase o que estaba a facer nese momento, de música electrónica ou pop, co que eu mamara de pequeno que era esa conexión coa gaita e coa tradición - lembra Alejandro- Non tiña esa ligazón dentro de min, por un lado eu seguía collendo unha frauta e tocando por riba das cancións de Carlos Núñez ou Milladoiro e polo outro lado estaba compoñendo cos meus programas de ordenador, facendo unha música moi diferente, eran como dous mundos que non chocaban. Ata que chegou ese momento con 24 anos cando decidín empezar a probar a ver que pasaría se os xuntaba", explica o músico, que asegura que eses primeiros pasos déronse coma un reto persoal, sen ambición de cara a chegar ao público, cousa que cree que segue a facer "é parte do que son, non ter esa influencia de se ao público lle vai gustar senón chegar o punto no que estou agora de que o que eu fago o público o acepta ben, iso me da tranquilidade para seguir innovando e buscar novos xeitos de ter esa identidade galega presente pero ter un punto noutras músicas".


Coma no caso de Mercedes, Baiuca, é un proxecto que está a percorrer escenarios de todo o planeta coa súa mestura na que, sobre unhas bases de sons tradicionais ou gravacións de arquivo, o artista fai a súa achega electrónica sen pretensión de arrebatar un espazo á musica tradicional. "Ao final a miña música ten unha identidade galega e a tradición galega está moi presente, pero a forma de executala e como o fago ten moi pouco de tradicional nin se pretende, non pretendo dar unha visión pura da nosa música, emprego os elementos da nosa tradición para levalos á miña actualidade, ao que eu entendo que podo facer con esas músicas. Creo que tamén é o interesante, porque aquí non se trata de substituír a tradición pola innovación que eu podo aportar senón que é unha forma de darlle unha vida máis a toda a música que temos e achegar cun repertorio, uns ritmos e uns instrumentos a outro nivel".

M. PEÓN: "POR UNHA BANDA ESTARMOS AGRADECIDOS DO QUE NOS VEU DADO, RECOÑECER AOS GRUPOS FOLCLÓRICOS POLO TRABALLO QUE FIXERON E LOGO SENTIR A ALEGRÍA CANDO VES ESTA XENTE TODA NOVA CUN DISCURSO POTENTE, SABENDO O QUE QUEREN E COMO SE QUEREN POSICIONAR, POIS DIS QUE HAI ESPERANZA TAMÉN"

A proposta de Baiuca, chega a pistas de baile, clubs, festivais de música electrónica e aos seus públicos. Son lugares e persoas nos que a entrada a eses sons procedentes da nosa tradición cultural non é nada habitual, pero nos que cada vez máis artistas do país están interpretar e a colocar produtos gravados pensados para acompañar a diversión colectiva urbana, como o estaban orixinariamente as pezas tradicionais executadas en vivo para unha actividade comunitaria nos hábitats rurais.

Artistas como o propio Baiuca, Fillas de Cassandra, Berto, Boyanka Kostova, Mondra ou Tanxugueiras, por poñer exemplos moi coñecidos están a ser quen de chegar a eses espazos usando para iso dunha linguaxe aprendida grazas á capacidade de transmisión dos que estiveron antes e de moitas asociacións culturais, mesturada con outras influencias como a música electrónica ou mesmo o trap.

Daquelas asociacións veñen estas revolucións
"Estamos falando de toda a revolución que está acontecendo no eido musical pero todo o que está a pasar no eido musical ven dos grupos folclóricos, e parece unha cuestión menor pero é unha cuestión maior", asegura Mercedes Peón, moi vencellada no seu percorrido inicial ás asociacións culturais como Xacarandaina e que entende que ese é o seu público natural por unha cuestión de linguaxes compartidos. A artista asegura terse sentido sempre nas súas actuacións apoidada por un público no que estaban as xentes dos grupos folclóricos: "estaban aí porque esas persoas están na linguaxe, están impregnadas de todos os ternarios que estaba usando eu, penso que sen quitarlle enerxía. Tanto tiña que fixera un uso dunha melodía, como que fixera pura composición". Para ela a maioría das cousas que están acontecendo agora a nivel musical veñen do traballo que se fixo nos grupos folclóricos "e todo o que se está transgredindo estase transgredindo desde aí", afirma. Tendo en conta que moitas das formacións ou artistas que actualmente están a destacar, como as integrantes das Tanxugueiras reivindican o seu traballo previo por este tipo de asociacións, non lle falta razón. Calcúlase que arredor de 20.000 persoas reciben formación musical no país a través de asociacións culturais moi vencelladas á cultura da música e baile tradicionais.


Para Alberto Balboa, director do festival do Mundo Celta de Ortigueira, o tecido civil asociativo da música tradicional é unha das bases importantes deste asunto e o que nos distingue: "Somos unha potencia. En todos lados hai unha asociación ou banda de gaitas e iso é o que dá pé a poder manter toda a estrutura posterior". Esas asociacións son as que mantiveron vivo o espírito das foliadas e seráns tradicionais, aínda que o xeito de vida e contexto xa non sexan os tradicionais, pero conseguiron darlles un enfoque novo e conseguir un traspaso xeracional que ten moito que ver tamén co auxe da pandeireta incluso por riba da gaita, o que Peón chama "A revolución das pandeireteiras". "Asistimos a un revival do baile e da música de pandeireta", confirma a docente de música tradicional e gaiteira Marina Fernández Vigo atribuíndolle unha característica xeracional,"As gaitas ocupaban nos anos 90 todo o panorama, porque desde o século XIX a figura do gaiteiro se consideraba o paradigma da representación do país. Pero en xeral todo ese imaxinario tan decimonónico da gaita agora está mudando cara a voz e a pandeireta. Non hai máis que ver o éxito das propostas das Tanxugueiras, Xabier Díaz, Xurxo Fernández ou Mercedes Peón". Sirva de exemplo o primeiro disco de Mondra que leva como título "Folia das Ardentes" e na letra dun dos seus temas máis coñecidos, "Punheta", o de Teo di "Sei cantar e sei bailar e sei tocar a pandeireta", toda unha reivindicación das artes tradicionais aprendidas no eido das asociacións culturais.

Unha expresión libre
En Galicia, xustamente talvez pola relación coa cultura tradicional a través desas asociacións, talvez pola frescura e falta de confrontación coa identidade por parte dos artistas, todas estas achegas, das máis especializadas ás máis "mainstream" están a ser acollidas sen fricción. "A verdade é que é incrible como se aceptou a miña proposta e como cada vez que teño conversas con xente que está máis cerca da música tradicional entenden o que fago e o valoran", afirma Alejandro Guillán, "Iso para min é superpositivo e dáme moita forza para seguir innovando. Nunca pensara que podía ser tan ben recibido".

Para Marina Fernandez esta capacidade de innovar e a súa boa recepción ten que ver co traballo feito polo folk nos anos 80 e 90, que comezou a experimentar coa mestura das músicas: "Noutros territorios a música tradicional mantíñase máis apegada a unha idea moito máis estática e inmobilista. Creo que foi esa tradición de mesturar a que facilitou, por exemplo, a inclusión da música electrónica nos ritmos tradicionais".

Mercedes Peón, recoñecida referente activa desta nova xeración de "transgresores" asegura terse sentido sempre moi libre no seu facer e ao mirar para a actual e variada escena musical considera que é un motivo de ledicia ser parte disto: "Todos temos que estar agradecidísimos e contentísimos de pertencer a un lugar como este. Por unha banda estarmos agradecidos do que nos veu dado, recoñecer aos grupos folclóricos polo traballo que fixeron e logo sentir a alegría cando ves esta xente toda nova cun discurso potente, sabendo o que queren e como se queren posicionar, pois dis que hai esperanza tamén, porque están a cantar todo en galego coa pandeireta diante, e se non é a pandeireta son os ritmos, o que sexa, expresándose coa súa complexidade. Temos que estar contentísimos". Nestes novos artistas que a sinalan como pioneira, Peón tamén albisca algo dela mesma, tal vez unha "falta de pudor", di, "porque eu sempre fixen o que quixen e polo tanto podes mirar a unha persoa que fixo o que quixo e non lle foi mal e dicir... porque non o vou facer eu?".