O II festival Luz Poética achega as novas voces a Compostela

Celébrase ata o vindeiro 29 de outubro coa intención de servir de plataforma para o talento literario

Un roteiro literario abría este 23 de outubro a segunda xeira do festival Luz Poética en Santiago de Compostela. O encontro, que organiza Hoku Cultural en colaboración co Concello e que rende homenaxe no seu nome á poeta Luz Fandiño, desenvolverá ata o vindeiro 29 de outubro un programa que quere "fomentar a expresión poética" e constituírse como "unha plataforma para o talento emerxente no mundo das letras".

A proposta continúa este 24 de outubro coa presentación de O tempo dos lagartos de Carlos Negro e Raquel Senra, e cun recital no pub Modus Vivendi a cargo de Silvia Penas e Samuel Merino, acompañado da música de Paula Ferraz. O 25 darase comezo á temporada do Poetry Slam Compostela cunha sesión de improvisación, e o 26 un concerto de Dúbida protagonizará a xornada, mentres no seguinte día será a quenda da improvisación poético-musical de Improversados o 27.

O sábado 28 o programa inclúe cun contacontos para crianzas de Fran Guede e un vermú poético con Laura Bugallo, Alfredo Vázquez, San Rego e Paula Pier. Unha mesa redonda sobre poesía e actualidade reunirá a Antón Lopo, Branca Trigo, David Trashumante, Branca Novoneyra e Diego Horschovski, e seguiralle un recital de linguas do mundo a cargo de Yamini, Olza Olzeta, Veronique Voyer e Beeman.

O domingo 29 será a quenda dun espectáculo poético musical de Andrea Valle e Elena Fernández cunha sesión de micro aberto, e o recital poético de autoras galegas "De Rosalía de Castro a Luz Fandiño" fechará o evento coa presenza de Andrea Nunes, Nuria Vil, Arancha Nogueira, Lúa Mosquetera, Tamara Andrés, Diana Kurich e María Lado. Un obradoiro de poesía expandida e outro de regueifa e rap compoñen a oferta formativa do festival.