Dios Ke Te Crew culminan o ano de 20 aniversario rodeados de amizades musicais

A banda de Ordes ofrece en Santiago unha xornada festiva pechando a xira 'Tremendos anos 20'

Dios Ke Te Crew, banda emblemática do hip hop galego, porá o vindeiro 2 de decembro o peche á celebración dos vinte anos sobre os escenarios que está facer neste 2023 coa xira 'Tremendos anos 20' e farao por todo o alto cunha xornada que semella un festival. A capital galega acollerá, entre as 19.30 horas e as 5 da madrugada dese día un programa de concertos e actuacións cun cartel homologable ao de calquera festival que inclúe, ademais de aos anfitrións DKTC, a diversos artistas da escena musical galega, compartindo escenario con eles. Así, artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Guillerme (Quempallou), Hermano L, High Paw, DJ Mil ou Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore), entre outros moitos nomes acompañará aos DKTC neste aniversario da banda de Ordes que terá como sedes as salas Capitol e Malatesta de Santiago de Compostela.

A festa 'Tremendos Anos 20' preséntase, en palabras da propia banda, como unha ocasión "única e irrepetible" que, a modo de "exclusiva cerimonia litúrxica", celebrará dúas décadas de vida a través dun "abraiante akelarre musical de amizades". Será unha data sinalada na historia do grupo, "porque Dios Ke Te Crew celebra como dios manda", aseveran os seus membros. A pouco de facer os primeiros anuncios o público xa amosou o seu apoio e interese esgotando os 400 abonos dispoñibles ao programa completo da "cerimonia litúrxica" dos DKTC. Aínda quedan entradas para os concertos por separado nas dúas salas. Coa compra das entradas o público recibirá como agasallo un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións de artistas gráficas e 20 remixes de hits de DKTC realizados por outros tantos produtores musicais. Un traballo que combina artes gráficas e musicais para festexar unha efeméride especial da música galega.