Cada ano 20 especialistas en literatura infantil e xuvenil selecciona, entre as doazóns que recibiu a biblioteca durante o ano, as obras coas que a Internationale Jugendbibliothek (Biblioteca Xuvenil Internacional) elabora un catálogo con 200 títulos, publicados no ano anterior, procedentes de 57 países e escritos en 39 linguas diferentes. Na actualización deste 2023 recóllense tres libros do sistema editorial galego, un deles a obra gañadora do Premio Lazarillo 2022, 'A lebre mecánica' (Eds. Xerais) de Ledicia Costas, no seu orixinal en galego, e outros dous en castelán de dúas editoras galegas, aínda que teñen edición traducida ao galego : 'La nota', de Pilar Serrano Burgos e Daniel Montero Galán en Kalandraka; e 'Peixe', de Emilio Urberuaga e Javier Zabala, publicado por Bululú. The White Ravens é, xunto coa Listaxe de Honra do IBBY, unha das distincións máis importantes da literatura infantil e xuvenil do planeta.