Rafa Vilar gaña o XXIº Premio de poesía Afundación

Co poemario 'Os lugares da memoria' impúxose entre as 34 obras presentadas ao certame

10/10/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaLingua
40 lecturas | Compartido 0 veces

Rafa Villar Autoría: Arquivo Aelg (2001))

O escritor Rafa Vilar (Cee, 1968) ven de gañar co poemario 'Os lugares da memoria' a XXIª edición do Premio de Poesía Afundación, ao que se presentaron nesta edición un total de 34 obras inéditas. O xurado considerou que este libro de poemas presenta un "uso destacado, na primeira parte, da prosa poética que dialoga, despois, con textos ben versificados conseguindo unha estrutura harmónica e ben definida", explican na súa acta e engaden que 'Os lugares da memoria' "acada altas cotas de emoción e exhibe unha capacidade reflexiva facendo uso dunha dimensión metapoética ao mesmo tempo que amosa no poema a realidade do mundo".
O Premio de Poesía Afundación está convocado pola entidade de acción social de Abanca xunto ao Centro PEN Clube de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia. O galardón implica a publicación do libro na colección "Arte de trobar" e unha dotación económica de 6000 euros. O xurado estivo composto por Tensi Xesteira Estévez, Jesús Castro Yáñez, Concepción Prado Baña, Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado.

Universo culturagalega.gal