Antón Lopo faise co Premio Lueiro Rey de Poesía

Impúxose co poemario Corpo ás outras 31 obras presentadas

Corpo é o título da obra coa que Antón Lopo se facía onte co Premio Lueiro Rei de Poesía na súa sexta edición. O poemario, seleccionado entre 32 traballos que se presentaron ao certame, resulta segundo do xurado "un excelente poemario, denso por variado ―tocata e fuga―, que se compón de diversas suites que se completan ou se enfrontan ou se escisionan (eses parénteses e claudátores). O autor constrúe este Corpo medrado con poder de convicción tanto que convenceu, unánime, os cinco membros do xurado. Ponderado, pousado, serán versos para quedar, no tempo que nos acolla, cando menos neste libro admirable". Lopo recibirá un galardón de 2.500 euros e verá a súa obra publicada por edicións Xerais.



Luís Cochón, en calidade de presidente, Silvia Penas, Mercedes Queixas, Armando Requeixo e Ramón Rozas como vocais, canda a Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe como como secretaria con voz e sen voto, foron os membros do xurado. O galardón entregarase o vindeiro mes de abril en Fornelos de Montes, concello de organiza o galardón canda á Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe.