O Festival de Cans, na categoría de Promoción Cultural, a escritora María Xosé Porteiro en Literatura, o escultor Acisclo Manzano en Artes ou o histórico grupo Leilía, en Música, recibirán este mércores 9 de agosto o Premio Alecrín da Cultura, concedido pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña (Fegalcat), que agrupa a 14 entidades culturais galegas en toda Cataluña. A entrega destes premios terá lugar nun acto que se celebrará no Castelo do Concello ourensán de Castro Caldelas, presidido pola alcaldesa da localidade, Sara Inés Vega. Os Premios Alecrín entréganse desde hai quince anos, para recoñecer o traballo a prol da cultura de asociacións, empresas e entidades galegas. Cada ano celébrase o acto de entrega nun concello galego diferente, case sempre vinculado á presenza de galegos en Cataluña.
Premios Alecrín para Cans, Leilía, Acisclo Manzano e María Xosé Porteiro
Hoxe farase o acto de entrega destes galardóns outorgados pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña
