O Festival de Ortigueira conmemora 45 anos cunha semana de actividade

A vila acolle este programa ata o vindeiro 17 de xullo cunha previsión de 80.000 visitantes

Cartel do Festival de Ortigueira 2023
Cartel do Festival de Ortigueira 2023
Con senllos recitais da orquestra Sondeseu e do grupo Tallisk este 9 de xullo abría as súas portas a 45 edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Ata o vindeiro 17 de xullo, a vila de Ortegal acollerá unha intensa actividade musical coa previsión de recibir ata 80.000 visitantes.

Os grupos finalistas do concurso Runas, Muro Kvartet, Alienda e Guieldu, miden as súas forzas sobre o escenario na noite deste día 10, mentres na xornada de martes o escenario da noite estará ocupado por Trikitrí, Algaire e Elephant Sessions. A actividade increméntase a partir do mércores 12, cun concerto de Mallou no teatro a partir da 19 e A Banda das Crechas, Holiday Club e Mec Dir nas sesións de noite. O xoves Rubén Díez Trío ocupará o escenario do teatro, mentres de noite a vila acollerá un cuádruplo recital a cargo de Fetén Fetén, Xisco Feijóo, JDC e Felpeyu.

O pico de actividade da cita desenvolverase ao longo da fin de semana, cun venres protagonizado por Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band, a Escola de Gaitas de Ortigueira, Rura e Startijenn no escenario principal e David Bellas no teatro. Sábado será a quenda de Anxo Lorenzo e Eoghan Neff nese espazo, mentres no escenario principal os bretóns Bagad Sonerien An Oriant abrirán uns recitais nos que participarán tamén Xurxo Fernandes, Le Vent du Nord e Four Men and a Dog. A xornada de feche terá como protagonistas da sesión nocturna Os Carecos, Xavier Díaz e Adufeiras do Salitre e mais Covagueira.

Canda a estes concertos, o programa inclúe tamén actuacións de quince bandas polas rúas da localidade, con nomes como a Banda de Gaitas do Ortegal, a de Ladrido, a Asociación Cultural Troula, Airiños de Fene, Banda de Gaitas Abelladeira, Asociación Cultural Saiñas de Xove, Grupo Folklórico Trebeyu, Banda de Gaitas La Laguna del Torollu, Asociación Cultural Son D'Aquí, Airiños do Eume, Bandina La Garrapiella, Charanga Alxibeira, Fol do Raxal, No Cómbaro e Os Netos do Escribano.

Un obradoiro de fotografía documental, presentacións como a do libro Concha do Canizo. Este pandeiro que toco de Xulia Feixoo ou a exposición Berpitzu, que repasa a carreira do vasco Kepa Junkera e a súa recuperación dun ictus a través de diferentes testemuños e imaxes fan tamén parte do programa desta veterana cita.