Fernando Castro gaña o XXXV Premio de Novela Manuel García Barros

O escritor asturiano acadou o voto maioritario do xurado entre as 22 obras presentadas este ano

O escritor asturiano acadou o voto maioritario do xurado entre as 22 obras presentadas este ano
Fernando Castro Paredes
"Entomoloxía para misioneiros" é o título da novela do asturiano Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariegos, 1975) coa que ven de gañar o XXXV Premio de Novela "Manuel García Barros (Ken Keirades)", do Concello da Estrada. O xurado, que se decantou por esta obra por maioría o pasado día 23, destacou nesta novela "a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de occidente e oriente". Segundo eles a obra está escrita "cunha arquitectura moi elaborada que inclúe epístolas, informes e outras modulacións do discurso". Consideran que esta novela "ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz". Ao certame presentáronse 22 obra e a gañadora recibirá un premio económico de 9.000 euros.

Fernando Castro Paredes exerce coma profesor de ensino secundario en Cee. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro, do IES Fernando Blanco de Cee, e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. Cultiva todos os xéneros literarios, especialmente o teatro. Como dramaturgo, formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral e recibiu recoñecementos como o Premio Rafael Dieste, o Premio Álvaro Cunqueiro e o Premio Roberto Vidal Bolaño, entre outros. Na Editorial Galaxia, publicou obras para público adolescente como "A derradeira bala", e a recente "Miss Antropía", pertencentes á colección Costa Oeste; ou a obra teatral Papiroflexia. O xurado do premio estivo conformado por Patricia Arias Chachero, Iria Collazo, Marcos Calveiro, Armando Requeixo e Carlos Loureiro.